Este mércores 29 de maio, ás 15.00 horas, a Asociación Saúde Mental A Creba celebrará un encontro de irmandade no que participarán persoas usuarias, persoas traballadoras, socios de honra, membros da xunta directiva e representantes dalgúns dos diferentes concellos da zona de actuación da entidade (O Barbanza principalmente). O Xantar de Confraternidade da Asociación A Creba Saúde Mental desenvolverase no Restaurante Casa Vilas sito no 60 da rúa Bretal, parroquia de Olveira, Ribeira.
O evento encádrase na celebración dos 30 anos de andaina da Creba.
Con esta iniciativa a entidade quere promover “o sentimento de pertenza e unión entre as persoas que forman parte da mesma, así como fortalecer o compromiso de colaboración cos concellos convidados a compartir este xantar”.
Tres décadas fomentando a inclusión e combatendo a estigmatización
A Creba fundouse en 1994 por iniciativa dun grupo de profesionais e de familiares de persoas afectadas por doenzas mentais, que buscaban tanto orientación como apoio profesional, e a posibilidade de dispoñer de recursos mais completos e integrais que aqueles aos que podían acceder cada un individualmente.
Co tempo a asociación medrou reunindo medios materiais e humanos de calidade cos que realizar a súa labor, e continúa esforzándose por mellorar e facer mais visíbel a saúde mental, entendéndoa como unha problemática que non só afecta as persoas cun diagnóstico de saúde mental crónico, senón que nos últimos anos evidénciase como unha necesidade social colectiva.




