
Dende a Marea de Noia emitiron un comunicado no que sosteñen que o Goberno de Noia presentou unha proposta de modificación das bases reguladoras das axudas para o financiamento do servizo de comedor escolar para Educación Infantil e Primaria, axudas que ata o de agora viñan a facilitar a conciliación e a boa alimentación de decenas de nenos e nenas en etapa escolar de Noia, servindo de apoio ás familias con dificultades económicas. E todo isto, critican, “nun contexto de profunda crise económica froito das malas campañas marisqueiras, que está a afectar a centos de fogares do termo municipal”.
Engaden quen “esta modificación suporía reducir de 50€ a 30€ as axudas que perciben as familias con menor renda, co obxectivo de poder vender á opinión pública un aumento do número de beneficiarios sen ter que aumentar nin euro a partida económica”.
A concelleira da formación, Chelo Martínez, sostén que “é unha completa barbaridade que o Goberno pretenda facer pasar un recorte ás familias máis necesitadas, especialmente aos seus nenos e nenas, e que intente vendelo como unha ampliación das axudas”.
E apunta: “O Goberno nunca amosou nin o máis mínimo interese na conciliación nin nos dereitos da infancia, pero isto xa é o colmo”. Segundo afirma Chelo Martínez, “tivemos que ser nós, dende a Marea, quen marcamos o camiño para percibir 55.000€ para conciliación do Plan Corresponsables, e agora é o goberno local quen decide quitarllos á quen máis o precisa”.



