O alcalde de Ribeira, Luís Pérez, os tenentes de alcalde Vicente Mariño e Francisco Suárez- Puerta e a concelleira de Cultura, Antía Alberte, presentaron este 23 de maio a programación que inaugurará o novo Auditorio Municipal de Ribeira. O programa de actividades previstas arrinca a mediados de xuño e esténdese até mediados de xullo. Será unha axenda ampla e diversa que en palabras do rexedor “multiplica as prazas que actualmente ten o Auditorio Municipal; para que toda a poboación poida desfrutar de espectáculos de diversa índole de xeito gratuíto”.

Os tres grupos da Corporación municipal foron críticos con este proxecto cuxa infraestrutura viu multiplicado o seu prezo inicial “por iso agora temos a responsabilidade de darlle o mellor uso e xestión posíbel; para que tódolos ribeirenses poidan gozar deste espazo e de xeito que tamén teña un impacto positivo na hostalería e no comercio local”, explicou Vicente Mariño.
O acto inaugural será o 15 de xuño coa Orquestra de Cámara Galega, acompañándose dunha animación de rúa para tódalas persoas que estean agardando para entrar. Tamén está prevista unha programación infantil con espectáculos de EducaTeatro e tamén de circo, coa compañía Yllana. Ademais, o martes 18 de xuño a Orquestra Sinfónica de Galicia estará en Ribeira por primeira vez neste novo Auditorio.

A programación inaugural contempla a maiores espectáculos de artistas locais, contando coa Escola Municipal de Danza, o grupo Tahume ou o colectivo Alfaia.
“Queremos promover que o talento local tamén teña o seu oco neste novo Auditorio de Ribeira” expresou Pérez Barral.
As entradas para tódolos espectáculos incluídos no programa inaugural serán de balde, e poderán recollerse no propio auditorio 1 hora antes da función ata o máximo de dúas por persoa, podendo acceder á sala principal 1⁄2 h antes co comezo da sesión.




