Ultimado o dispositivo de seguridade da 38ª edición do Rally do Berberecho de Noia

17 Abril 2024

A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, presidiu este mércores 17 de abril a xunta de seguridade na que se ultimou o dispositivo encargado de velar pola seguridade na 38ª edición do Rally do Berberecho de Noia. Na reunión participaron responsábeis da organización da proba, así como da Garda Civil, Subsector de Tráfico, Xefatura provincial de Tráfico, policías locais, persoal de Protección Civil e representantes dos concellos polos que discorrerá o evento deportivo.

Tras a reunión, a subdelegada do Goberno fixo un chamamento á organización, aos corredores participantes e moi especialmente a todo o público que se congregará para presenciar o paso do Rally polas estradas da provincia, para que “sexan respectuosos coa sinalización, cumpran coas indicacións do persoal que se ocupará da seguridade da proba e, no caso dos espectadores, a manterse sempre dentro dos espazos delimitados para eles”.

A subdelegada aproveitou para felicitar á escuadra O Berberecho por organizar este evento, no que participarán un total de 133 pilotos e que forma parte do campionato galego de rallys, e tamén porque este ano a escuadra celebra o seu 50 aniversario.

O rally, pola súa banda, cumpre a súa 38ª edición e xuntará ao volante de dous World Rally Cars (WRC) ao piloto Víctor Senra e ao seu pai, Manuel Senra. Haberá un terceiro WRC pilotado por Alberto Otero.

A saída da proba será o venres 19 en Noia, onde estará tamén a dirección de carreira e o parque pechado, mentres que o parque de traballo quedará instalado no concello de Lousame. O sábado haberá 4 tramos de dobre pasada polos concellos de Lousame, Rois, Ames e Brión.

María Rivas apuntou tamén que a edición deste ano renderá homenaxe a Diego Maio, un piloto noiés integrante da escuadra que faleceu o pasado 24 de decembro en accidente de coche con tan so 25 anos.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión