O IES Campo de San Alberto de Noia vai acoller esta tempada un ciclo de cursos de capacitación dixital dos niveis básico, intermedio e avanzado, ao servizo da cidadanía e co obxectivo de incrementar e fortalecer os seus coñecementos de tecnoloxía, presente na actualidade en múltiples ámbitos da súa vida diaria.
Porase o foco, entre outros contidos, na banca electrónica, en como facer solicitudes ás administracións públicas, en como establecer unha cita previa nos centro de saúde, en como identificar un intento de fraude, ou ameaza ou suplantación a través da Rede e dos dispositivos, ou en como levar a cabo vídeo-conferencias. Quen precise máis información pode solicitala a través do teléfono 881 867 135 ou nas propias oficinas do centro educativo. Os cursos levaranse a cabo entre maio e setembro.




