O voceiro da Marea de Noia, Manolo Seijas, presentou un escrito ante a inspección de sanidade sobre a auga municipal no que require ao dito departamento unha análise exhaustiva da ETAP (Estación Tratamento de Auga Potábel) para verificar o estado da mesma e do subministro. Amais, A Marea solicita informe para coñecer se a auga municipal é apta para o consumo humano. Amais, no escrito o voceiro da agrupación demanda ao Goberno municipal do PP e do N.O.I.A que “indiquen o motivo polo que non se emitiu comunicado advertindo do mal estado da auga”.
Dende A Marea destacan que “a solución pasa pola creación do depósito da auga”. Este depósito, indican, ” foi un anuncio electoral dende o 2016. Oito anos despois non se executou”
A Marea tamén encargou unha serie de analíticas para coñecer os compoñentes que leva a auga municipal.




