
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, fixo un chamamento a “non permanecer alleos” ante a violencia machista e a “non negala nin relativizala”. Así se expresou durante o acto público de repulsa convocado pola Delegación do Goberno na Coruña ante o crime machista ocorrido onte na localidade de Palmeira, no concello coruñés de Ribeira.
O delegado do Goberno presidiu un minuto de silencio en sinal de condena e de dor por este asasinato, “que nos produce indignación, que nos golpea e que nos avergoña como país”. E reiterou o compromiso do Goberno de Pedro Sánchez de seguir traballando “día a día” para erradicar calquera forma de violencia sobre as mulleres.
Antes de gardar o minuto de silencio, Pedro Blanco trasladou as súas condolencias e o seu afecto á familia de Andrea, acompañado pola subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas; por traballadores e traballadoras da Delegación do Goberno e por integrantes das forzas e corpos de seguridade do Estado. Entre eles atopábase o xefe superior de Policía de Galicia, Ramón Gómez; o tenente coronel da Zona de Galicia da Guardia Civil, Juan Manuel Vázquez, e a xefa da Unidade de Coordinación contra a Violencia de Xénero da Delegación, María Debén.
A Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero cualificou esta mañá o crime de Andrea Yrrury, de 24 anos, como crime machista, o que o converte no 68 cometido en Galicia dende o ano 2003, “unha cifra inaceptábel e que nos obriga a levantar a voz”, sinalou Pedro Blanco.
Con Andrea, dixo, “son 7 as mulleres asasinadas polas súas parellas ou ex parellas no que vai de ano en España”. Desde o inicio das estatísticas en 2003, 1.247 mulleres foron asasinadas en España por crimes machistas.


