O novo asasinato dunha muller perpetrado na tarde deste martes 19 de marzo en Palmeira está a xerar unha vaga de reaccións nos Concellos da nosa comarca. Ademais dos actos de repulsa convocados pola Corporación de Ribeira (ao que se suman dous días de loito oficial), o Concello da Pobra convocou un minuto de silencio polo asasinato machista, este mércores ás 12.00, en fronte da Casa Consistorial e como “mostra de apoio á familia e amizades da moza asasinada na tarde de onte en Palmeira e como acto de rexeitamento ante este feminicidio e solidariedade coa nosa veciña localidade de Ribeira cun suceso que deixa consternada a toda a sociedade”. Ao acto asistirán membros da corporación municipal baixo a presidencia do alcalde, José Carlos Vidal, e veciñanza.

No que respecta ao Concello de Boiro, a Corporación emitiu un comunicado no que “condenamos o crime acontecido este martes no municipio de Ribeira no que unha muller perdeu a vida a mans da súa exparella e mostra o seu máis sentido pésame”. Por este motivo, sumouse á concentración que terá lugar este mércores ás 20.00 horas no porto de Ribeira, ao carón da Capitanía Marítima, en repulsa deste acto de violencia machista.
No que atinxe a Santiago, celebrarase ás 12.00 horas na praza do Obradoiro un minuto de silencio por Andrea. A homenaxe será extensíbel á muller asasinada o 17 de marzo en Málaga e ás nenas vítimas da violencia vicaria en Almería, tamén o 17 de marzo.



