O CEIPP Santa María do Castro, entre os gañadores da nova edición do certame Enreguéifate

12 Marzo 2024

Finalmente os cinco concellos organizadores (Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago e Teo) do certame Enreguéifate, que vai pola súa sétima edición, deron a coñecer as propostas premiadas no concurso, unha iniciativa destinada a visualizar nas redes a nosa tradición de improvisación oral en verso (regueifa) para contribuír por medio dela á promoción do uso da lingua galega. Entre as propostas distinguidas atópase, na categoría de peza máis reivindicativa, o grupo de 6º Educación Primaria do CEIPP Santa María do Castro, pola regueifa O granulado non é pasado.

Coma en edicións anteriores, o certame contou con dúas categorías: unha xeral, para calquera persoa, e outra escolar, para o alumnado dos centros educativos galegos non universitarios; e cun total de seis premios en cada unha das categorías: á regueifa máis brava, á máis aguda, á máis diversa, á máis reivindicativa, á mellor cantada e á mellor falada.

O xurado estivo composto por Carme Pereiro, normalizadora lingüística do Concello de Carballo; Fátima Souto, do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames; Manolo Maseda, mestre, músico e regueifeiro; e Séchu Sende, mestre, escritor e regueifeiro. Valoraron un total de 56 regueifas, 47 delas inscritas na categoría escolar e 9 na xeral.

Estas son os vídeos gañadores, que poden verse na web do certame ou na canle de Youtube:

• A máis brava: Arrieiro e Chaminho Cumbia do choque.

• A máis aguda: Escola de Regueifa de Carballo. Vai de voda.

• A máis diversa: Teiseiros Regueifeiros. Regueifa pola saúde mental.

• A máis reivindicativa: Iván e Aroa. Regueifa de coidar a terriña.

• A mellor cantada: Grupo Xuvenil da Terceira Idade de Poio. Sempre vida.

• A mellor falada: As da Muiñeira. Os deberes.

Categoría escolar

• A máis brava: Os Máis Bravos. Queremos moito ás nosas profes. Alumnado do CEIP de Bormoio-Agualada (Coristanco).

• A máis aguda: Regueiferxs Da Chá. Regueifando apréndese mellor. Alumnado do IES Santiago Basanta Silva (Vilalba).

• A máis diversa: 2º B Quiroga Palacios. O noso Entroido. Alumnado do CEIP Pluringüe Cardeal Quiroga Palacios (Santiago de Compostela).

• A máis reivindicativa: 6º E.P. CEIPP Santa María do Castro. O granulado non é pasado. Alumnado do CEIPP Santa María do Castro, Cabo de Cruz (Boiro).

• A mellor cantada: Regueifeiras do Camballón. A nosa música na nosa voz. Alumnado do IES Marco do Camballón (Vila de Cruces).

• A mellor falada: Regueifeiros de Razo. Regueifa en Razo. Alumnado do CEIP Plurilingüe Nétoma-Razo (Carballo).

O xurado acordou ademais conceder un accésit á Regueifa máis inclusiva a Noa e Martín polo vídeo Todo isto son mentiras (IES Antonio Fraguas, Santiago de Compostela).

O 3 de abril terá lugar a entrega de premios nunha gala no Teatro Principal de Santiago de Compostela ás 11 horas. O evento estará conducido por Manolo Maseda e Séchu Sende, e polas formadoras do certame Enreguéifate Lupe Blanco, Josinho da Teixeira e Nuria das Cruces, e será un percorrido polas formas de improvisación oral galegas no que non faltará a música en directo.

Outros artigos

Unha fronte fría deixará chuvias e un descenso térmico este domingo

A nubosidade irá en aumento dende a mañá pola fachada atlántica, con precipitacións máis probables na Coruña, as Rías Baixas e a Mariña As temperaturas máximas experimentarán unha baixada moderada, mentres que as mínimas tenderán a subir A chegada dunha fronte fría...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.