
Con motivo do Día Internacional da Muller, este 8 de marzo, o Concello achegou unha manchea de actividades dirixidas todas elas, malia os seus diferentes formatos, a traballar pola plena igualdade e os dereitos das mulleres. O programa achega entre outras cousas un curso gratuíto sobre saúde para mulleres (o vindeiro mes de abril), un programa de xornadas gratuítas de aquagym, unha exposición sobre deporte feminino e, tamén, unha Andaina pola Igualdade programada para este domingo 10 de marzo.
A andaina
A andaina será unha ruta circular de 15 quilómetros de dificultade medio polo territorio sonense. A saída está fixada para as 9.30 horas dende a praza do Curro de Portosín. Trátase dunha actividade de balde e aberta a toda a veciñanza do Son e do Barbanza que queira participar. As inscricións cómpre facelas na Área de Deportes do Concello e na conta de correo deportesdoson@gmail.com.
A mostra
No marco do Día Internacional da Muller (este 8M), o Complexo Deportivo da Piscina Municipal de Porto de Son vai acoller unha exposición sobre muller e deporte, até este sábado 9 de marzo. A mostra pon o foco nas importantes contribucións femininas ao ámbito do deporte nas súas diferentes disciplinas.
“Pretendemos que os nenos e nenas sexan conscientes da participación das mulleres no deporte, e que non só os modelos masculinos poden ser un modelo a seguir; que descubran novas figuras de deportistas e que mesmo poidan ser unha fonte de inspiración para as crianzas”, explican dende a organización da mostra (SOOM Management en colaboración co Concello de Porto do Son, ao abeiro das actividades do Pacto do Estado Contra a Violencia de Xénero) .
Ademais, durante esta semana, nos cursos de natación infantís o persoal responsábel do complexo deportivo traballará cos nenos e coas nenas, con diversas actividades, nesta liña de sensibilización sobre a igualdade e a necesidade de botar abaixo prexuízos e ideas preconcibidas que derivan do machismo no deporte.




