A Deputación homenaxea neste 8M ás mulleres anónimas que fixeron posíbel os logros actuais pola igualdade

04 Marzo 2024

A responsábel de Igualdade na Deputación da Coruña, a outense Soledad Agra, presentou este luns 4 de marzo a programación que se desenvolverá no eido do 8M (Día Internacional da Muller) e que propón “unha reflexión interxeracional”. Baixo o epígrafe Mulleres do pasado, semente de futuro, a campaña ten o obxectivo de “render homenaxe ás mulleres que, dende o anonimato, loitaron por cambiar o mundo, buscando un mellor futuro para as devanceiras xeracións, e que forman parte da historia cotiá das familias do país”.

E engadiu a deputada de Outes: “Trátase de facer tributo ás mulleres que loitaron por acadar os dereitos dos que hoxe desfrutamos, que non se conseguen facilmente, senón que son o froito do traballo colectivo e da coraxe de moitas mulleres que, dende a adversidade, acadaron fitos que hoxe consideramos tan fundamentais como poder usar pantalóns”.

Programación 8M

En liña co propósito da campaña, achégase unha reflexión conxunta entre a xeración homenaxeada e a mocidade actual. Así, levarase a cabo unha dinámica interxeracional que consiste en que o alumnado de diferentes centros educativos da provincia entreviste as súas avoas ou mulleres maiores de 70, nunha actividade que lles brindará a oportunidade de interactuar aprendendo das súas historias, experiencias e sabedoría. Estes vídeos difundiranse a través de diferentes canles da Deputación.

Ademais, o propio 8 de marzo ás 11h haberá un acto institucional no vesbíbulo da Deputación da Coruña, que contará coa lectura dun manifesto e a actuación musical de Guadi Galego, que coa súa canción Matriarcas pon voz á historia desas “aleitadoras, conquistadoras, brillantes activistas da vida cotiá” ás que fai referencia a entidade provincial.

Esta campaña terá continuidade durante todo o mes de marzo. Difundirase material informativo entre os centros educativos da provincia, cunha cronoloxía sobre fitos históricos acadados grazas á loita das mulleres e, o vindeiro día 21 celebrarase un encontro no IES Rosalía Mera con algunhas das avoas que participaron nos vídeos do alumnado. Alí, “visualizaranse as pezas máis votadas e homenaxearase a esas mulleres que cos seus esforzos sementaron o noso futuro”, sinalou Soledad Agra.

Subvencións para o investimento en políticas de xénero

Coincidindo coa presentación da campaña institucional do 8M, o Boletín Oficial da Provincia vén de publicar a concesión definitiva de subvencións a entidades sen fins de lucro para o investimento en políticas de xénero no ano 2024, correspondentes ao programa FOIO0B. A Deputación repartirá un total de 20.973 euros entre nove beneficiarios: Asociación pola Liberdade Afectiva e Sexual da Coruña; ANPA Berbiriana do CEIP Zalaeta da Coruña; Arabías S. Coop. Galega; Asociación de Acción Social, Educación Permanente y de Servicios a la Juventud y la Mujer TEMPUS; Asociación Mulleres Rurais de Galicia; ANPA A Xuntanza do CEIP de Arcediago; Asociación Visibles; Asociación Xanela e a Rede Educativa de Apoio LGBTIQ+ de Galicia.

Outros artigos

Luns 20 con ceo cuberto na comarca e temperaturas sen cambios

O luns comeza con ceos parcialmente nubrados sen descartar algunha chuvia feble ao norte. Pola tarde, medrarán nubes de evolución que poden derivar en algún chuvasco, máis probable en comarcas do interior. As temperaturas non terán cambios significativos. O vento...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión