
O vídeo-clip Que castróns son elaborado polo alumnado de 3º da ESO do CIP Eusebio Lorenzo Baleirón (Dodro) foi seleccionado para formar parte da Sección Oficial da XII edición do Festival Internacional de Cine Amateur Begiradak, que se celebra en Donostia-San Sebastián entre o 16 e o 27 de novembro de 2026.
A peza audiovisual foi realizada no ámbito educativo, como resultado do traballo desenvolvido nas materias de Educación Plástica, Visual e Audiovisual e Música, nun proceso creativo que conecta a expresión audiovisual e musical para construír unha proposta propia, cunha marcada personalidade.
Con catro minutos de duración, Que castróns son aborda, desde o humor, unha crítica social e medioambiental sobre a relación do ser humano coa natureza. Unha mirada desenfadada e inconformista que utiliza a ironía e a irreverencia para convidar á reflexión sobre o noso comportamento e o impacto que temos na contorna natural.
A personalidade da obra non pasou desapercibida para a organización do festival. De feito, o propio catálogo desta edición fai unha mención expresa ao vídeo no texto de presentación dos obxectivos e do espírito que Begiradak quere seguir mantendo. Ao falar da súa vontade de continuar sendo un festival comprometido cos dereitos humanos e coas creacións cinematográficas que os abordan de maneira valente, a organización expresa o seu desexo de “ter a frescura punky de Que castróns son“.
A selección na Sección Oficial supón un recoñecemento ao traballo creativo desenvolvido nas aulas e á capacidade da educación artística para converterse nun espazo de expresión, reflexión e comunicación. Unha experiencia que amosa como a colaboración entre distintas disciplinas pode dar lugar a propostas audiovisuais con identidade propia e capacidade para conectar con festivais e públicos diversos.



