A Torre de Bermúdez recibiu un total de 4.628 persoas entre xaneiro e novembro, consolidando a súa tendencia á alza e destacando pola forte afluencia de público escolar e internacional.

O Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal pecha o mes de novembro cun balanzo altamente positivo tras rexistrar 4.628 visitantes ao longo dos primeiros once meses de 2026. Estas cifras confirman a tendencia ascendente na afluencia de público e reforzan o papel da Torre de Bermúdez como un dos principais referentes culturais e patrimoniais da comarca do Barbanza.
Localizado nun dos inmobles históricos máis emblemáticos da vila, o centro mantén un fluxo constante e diverso de visitantes —que abrangue desde o turismo individual e familiar ata grupos escolares—, contribuíndo de maneira activa á posta en valor do legado literario de Ramón del Valle-Inclán e do seu estreito vínculo co municipio pobrense.
No tocante á orixe dos asistentes, o rexistro do museo reflicte un notable alcance tanto estatal como exterior. A nivel nacional, sobresaen as visitas procedentes da propia Galicia, de Madrid e de diversas comunidades do norte peninsular. No ámbito internacional, o centro recibiu público chegados de países como o Reino Unido, Portugal, Irlanda, Estados Unidos, Arxentina e Francia.
O peso do público escolar
Un dos piares fundamentais deste crecemento anual foi a elevada participación do alumnado dos institutos da contorna. Os centros educativos da comarca apostaron por esta proposta didáctica, permitindo que a mocidade coñeza de primeira man os fondos do museo mediante visitas guiadas. A experiencia complétase cun roteiro literario pola localidade que permite afondar na biografía do autor e nos escenarios que marcaron a súa relación coa Pobra do Caramiñal.




