A Deputación presenta a campaña do 25N, que este ano pon o foco na prostitución e na explotación sexual

20 Novembro 2026

A Área de Igualdade da Deputación da Coruña presenta unha nova edición da campaña institucional do 25 de novembro, De Fronte á violencia de xénero, que desta volta pon o foco na prostitución e na explotación sexual das mulleres, incidindo especialmente na responsabilidade dos homes que pagan por sexo e na normalización social da demanda.

A deputada de Igualdade, Sol Agra, explicou o obxectivo da campaña deste ano, que “pretende cambiar o foco e deixar de sinalar e estigmatizar as mulleres en situación de prostitución para cuestionar a responsabilidade de quen paga e consume, así como os mecanismos que permiten converter os corpos das mulleres en mercadoría”.

Agra advertiu de que a explotación sexual “non é unha realidade afastada de nós” e lembrou que, xunto ás formas tradicionais de prostitución, están a aparecer novas vías de captación e explotación vinculadas á contorna dixital, como a monetización da intimidade, o ciberproxenetismo ou as plataformas de subscrición. “A mercantilización dos corpos das mulleres é unha vulneración directa dos dereitos humanos. Necesitamos visibilizar esta realidade, cuestionar os comportamentos que a sosteñen e ofrecer ferramentas para a prevención, especialmente entre a mocidade”, sinalou.

A campaña convida pois a “reflexionar sobre a construción da masculinidade e do desexo sexual, o papel da pornografía e das plataformas dixitais e os modelos de sexualidade que reproducen relacións de desigualdade e dominación”, sinalou, engadindo que a axenda inclúe diferentes actividades que “van máis aló do 25N”, como xornadas formativas, recursos pedagóxicos, actuacións teatrais e o propio acto do 25 de novembro que terá lugar no Pazo Provincial ás 11h, onde haberá intervencións institucionais e unha actuación musical, e está aberto ao público.

Recursos pedagóxicos para a mocidade e as familias

Unha das principais liñas de traballo desta edición é a elaboración de materiais educativos dirixidos tanto á mocidade como ás familias, co propósito de facilitar ferramentas para abordar a explotación sexual e as violencias dixitais desde unha perspectiva crítica e preventiva. A campaña contará cunha guía pedagóxica para a mocidade, acompañada de tres vídeos en formato reel, destinada a profesorado, persoal de dinamización xuvenil e profesionais da intervención social. Os contidos estrutúranse en tres bloques: a monetización da intimidade e as plataformas dixitais; os procesos de captación, manipulación e explotación sexual en liña; e a influencia da pornografía e da cultura sexualizada na construción do desexo e nas relacións afectivas.

Tamén se elaborará unha guía práctica para familias, que ofrecerá orientacións para abordar a educación afectivo-sexual na casa, analizar o impacto da pornografía na adolescencia, traballar o consentimento e actuar ante situacións de violencia dixital. Incluirá, ademais, un repositorio de recursos e información sobre canles de denuncia e protección.

Teatro para abordar a trata e a explotación sexual

A campaña anual inclúe un circuíto teatral pola provincia durante a semana do 16 ao 22 de novembro coa representación de Sophie non é o meu nome de guerra, da compañía Redrum Teatro, unha peza dirixida por Laura Míguez e recoñecida co Premio Rafael Dieste 2021. A obra aborda a migración forzada e a trata de mulleres con fins de explotación sexual. As representacións, dirixidas principalmente ao alumnado dos centros de secundaria, irán acompañadas de coloquios coa ONG ACCEM Galicia.

O circuíto chegará a cinco concellos:

Cedeira: 16 de novembro, ás 11:00 horas, no Auditorio Municipal.

Carballo: 17 de novembro, ás 10:30 horas, no Auditorio do Pazo da Cultura.

Betanzos: 18 de novembro, ás 11:00 horas, na Aula de Cultura Xulio Cuns.

Negreira: 19 de novembro, ás 11:00 horas, no Auditorio Afonso Eanes do Cotón.

Zas (Baio): 22 de novembro, ás 18:30 horas, no Auditorio de Baio, nunha función aberta ao público xeral.

Unha xornada formativa provincial en xaneiro

A programación completarase a finais de xaneiro de 2027 cunha xornada formativa provincial centrada no sistema prostitucional e nas súas transformacións actuais. O encontro, explicaron dende a Deputación, “combinará o rigor académico, a experiencia profesional e o debate institucional, con conferencias e mesas de traballo sobre a demanda masculina, as novas plataformas dixitais, o papel da pornografía e a cultura sexualizada, os modelos xurídicos e de protección e a resposta das institucións e das entidades que traballan sobre o terreo”.

O obxectivo é “contribuír á elaboración de políticas públicas orientadas á prevención das violencias contra as mulleres e á garantía dos seus dereitos”.

A Deputación dará a coñecer o programa e o formulario de inscrición ao longo do mes de decembro.

Implicación dos concellos e das entidades sociais

A iniciativa incorpora tamén o envío de material promocional aos concellos da provincia para apoiar as accións locais de sensibilización. A Deputación aposta así por reforzar a colaboración cos concellos, os servizos de igualdade, as entidades sociais e os centros educativos, para que os recursos cheguen á cidadanía e se convertan en ferramentas útiles de prevención e transformación social.

Todos os materiais gráficos, audiovisuais e pedagóxicos estarán dispoñíbeis e actualizaranse progresivamente na web defronte.gal, que centraliza os recursos da campaña.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Ameazas de bombas para os escolares galego”. Antón Luaces

“Ameazas de bombas para os escolares galego”. Antón Luaces

Unha trintena de centros escolares públicos e privados galegos recibiron onte, mércores, cadanseu correo electrónico con esta expresiva mensaxe: "Si desea salvar la vida de los estudiantes, abandone el edificio". Con educación e perfecto castelán, mais cun ton...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.