
Este xoves 19 de novembro o Foro Galicia e Valle Inclán reuniuse en Cambados con representantes do Museo Valle Inclán da Pobra do Caramiñal e co Concello de Cambados para realizar unha pequena homenaxe e Josefina Blanco Tejerina, no Cemiterio de Santa Mariña de Dozón.
Sara Barbanzán (técnica do Museo) representou ao centro expositivo e cultural da Pobra pola baixa do seu director, e por parte do foro asistiron Pilar Sampedro e Ángel Varela e pola do Concello de Cambados o concelleiro de Cultura Liso González.
Foi, nas súas palabra, “un acto de recoñecemento unha muller que máis alá de ser a esposa de Valle Inclán e nai dos seus fillos, tivo unha biografía destacábel que cómpre visibilizar e e reivindicar”.
Levouse a cabo este 19 de novembro porque se correspóndese co cabodano do seu falecemento, e no dito camposanto cambadés porque é aí onde está enterrada por desexo propio, debido a que quería ficar preto do seu fillo Joaquín que rematou aquí os seus días, ao pouco tempo de nacer.
Josefina Blanco Tejerina foi unha nena prodixio. Cando morre súa nai pasa a vivir cunha tía actriz e debuta con cinco anos no teatro. Foi unha carreira salientábel a pesar das intermitencias por mor da crianza dos seus fillos. Ademais, sábese que traduciu unha obra polo menos, que transcribiu e corrixiu obras de Valle ao tempo que levaba a contabilidade e edición das mesmas despois da súa morte.
“Recuperar a esta muller é facer xustiza despois de tanto tempo no que as mulleres foron invisibilizadas na Historia”, indicaron.



