
En Noia o Concello (en colaboración coa mocidade de Secundaria e Bacharelato e a rapazada de Infantil e Primaria) argallou unha manchea de actividades para celebrar o 25N (Día para a Eliminación da Violencia Contra as Mulleres) en clave creativa e participativa, sendo un dos fíos argumentais do programa a campaña de sensibilización Noia di non á violencia de xénero que está activa nas farmacias da localidade.
A axenda comeza este mércores 18 de novembro no Coliseo Noela cunha nova cita das Aulas da Saúde de Noia (Servizo de Atención Primaria), nesta ocasión baixo o título Equidade de xénero: outras caras da saúde, unha cita que inclúe a proxección de Matria de Álvaro Gago e máis unha conversa con Inés Fernández de Córdoba, médica de familia.

Ademais, estes días podemos visitar a mostra Ecos de Kim, no Casino de Noia, elaborada polo alumnado do IES Virxe do Mar co obxectivo de “reivindicar os valores feministas e denunciar a violencia contra as mulleres a través da arte”. A exposición estará visíbel ata o 7 de decembro, de martes a xoves, en horario de 10.00 a 14.00 h no Casino de Noia. Trátase dunha “experiencia artística das e dos estudantes do IES Virxe do Mar comprometidas/os coa defensa dos valores feministas e coa denuncia da violencia contra as mulleres”. A mostra está inspirada na obra de Christine Sun Kim (nada en California en 1980) recoñecida artista sonora, performer e activista estadounidense de orixe coreana, afincada en Berlín.

Do 20 ao 29 de novembro iluminarase a Casa do Concello de cor morada, no marco do 25N.
O 23 de novembro celebrarase a charla O Padroado de protección ás mulleres: a institucionalización da violencia contra as mulleres coa xornalista e investigadora Montse Fajardo, dirixida ao alumnado de 4º da ESO e 1º de Bacharelato no Coliseo Noela. Haberá unha segunda quenda da xornada ás 20.30h no Casino.
O martes 24 celebrarase o contacontos teatralizado Daniel e Daniela, para o alumnado de Educación Infantil dos centros educativos.
O mércores 25 a axenda comezará ás 11.45 coa lectura da declaración institucional diante do Coliseo Noela. Participará o alumnado de Secundaria dos centros educativos e incluirase un minuto de silencio polas vítimas de violencia de xénero. Tamén haberá un photocall co lema Noia di non á violencia de xénero e o sorteo de 6 vales de 50€ entre as fotografías participantes. O alumnado do IES Virxe do Mar lerá poemas da exposición Ecos de Kim no Casino de Noia.
O sábado 5 de decembro celebrarase un obradoiro de defensa persoal para mulleres impartido por Metanoia Arte Suave, no antigo Ximnasio Muíños, ás 11h (de 10 a 15 anos) e ás 12h (a partir dos 16).
O domingo 13 de decembro celebrarase outro obradoiro de defensa persoal no Casino a partir das 10, organizado polo CIM de Noia. O sábado 19 haberá teatro da man de Teatro Noroeste e a obra As Damas de Ferrol, ás 20h no Noela. Será de balde ata completar o aforo. Encádrase no Circuíto en Igualdade da Deputación da Coruña



