Con 96 anos cumpridos o 8 do pasado mes de outubro, o xornalista coruñés Juan Guillín Varela asinou a súa derradeira crónica vital deixando para a historia milleiros de crónicas deportivas publicadas, entre outros medios de comunicación, nos diarios “Marca” e “El Ideal Gallego” “DxT Campeón”, “Canal Noroeste”e “Radio Juventud de Galicia”, emisora de radio esta na que compartimos traballo e unha moi fonda amizade desde o meu primeiro día de estadía no segundo andar do edificio “La Terraza” (xardíns de Méndez Núñez). Esta vella e entrañable amizade e camaradería comezou -nunca o esquecerei- o 3 de febreiro de 1963, día dunha intensa nevarada que callou na Coruña durante un par de días, moitísimos menos dos que esa amjzade durou: 63 anos cumpridos e sen nunca termos vivido desencontro algún e sí moito entendemento. Tanto que, sen eu ter idea da información deportiva, sempre tentou levarme cara ela porque sabía que xogaba a baloncesto e balonmán. Pero non era o meu. O programa “Saque de banda”, que Guillín dirixía, contaba daquela con redactores da talle de José María Guimaraens, José Antonio Martínez ou Mario Velo. Posteriormente viñeron Toni Insúa, Moncho Viña, Alfonso Hermida e un longo etcétera de magníficos redactores.
Pero a actividade radiofónica de Juan Guillín non se limitou á información deportiva: durante anos dirixiu un programa de variedades que presentaba os sábados pola tarde cara ao público o tamén xornalista Manuel Hernández Sánchez (“Manuel de Sanhernán”). Era o popularísimo “Fiesta en el aire”, con entrevistas e actuacións en directo polo que pasaron, entre outros moitos, artistas como Lola Flores, Los 5 Latinos, Torrebruno, Los Mismos, Julio Iglesias, Antonio Machín, etc., e actrices e actores que, durante o ano viñan aos teatros coruñeses para representar obras semore ben recibidas, como o eran asimesmo as da temporada de ópera que a sociedade “Amigos de la Ópera” achegaba aos estudos de Radio Juventud de Galicia,
Con Juan Guillín na dirección, tiven a oportunidade de presentar no “Dorna Club” un programa no que prevalecían as entrevistas de actualidade e actuacións musicais en directo. Foi o primeiro programa de radio destas características que se emitía en Galicia e con horario nocturno, con público. Ideas de Juan Guillín Varela, fillo dun garda civil destinado en Oleiros (A Coruña). Juan sempre se gababa de ter realizado os seus primeiros estudos nas escolas de Santa Margarida.
Fóise un mestre de xornalismo deportivo militante e dos primeiros de Galicia en realizar transmisións en directo dos partidos do Deportivo da Coruña e o Liceo Hockey Club. Agora compartirá sapiencias deportivas con outro mestre da Radio: Enrique Mariñas Romero. Inesquecíbeis.



