
Promover a transformación dixital das pequenas e medianas empresas (peme), persoas autónomas e emprendedoras da provincia da Coruña é o obxectivo do centro tecnolóxico ITG, a través da súa OficinaAceleraPyme (OAP), e da Deputación.
Cómpre sinalar que esta iniciativa achegará actividades formativas e asesoramento especializado aos espazos da Rede Provincial de Coworkings da Deputación da Coruña, co fin de facilitar o acceso a solucións tecnolóxicas útiles para cada negocio e contribuír a reducir as barreiras que aínda dificultan a incorporación de ferramentas dixitais, especialmente nos municipios de menor poboación.
Indo ao miolo, a primeira actuación desta colaboración levarase a cabo o 24 de novembro en LAB-Barbanza (Boiro), co obradoiro gratuíto: IA que traballa para a túa peme. Será unha sesión práctica orientada a descubrir as posibilidades reais de distintas ferramentas de intelixencia artificial para automatizar fluxos de traballo, optimizar tarefas e mellorar a operativa cotiá das empresas.
Este evento marca o comezo dunha programación que se irá definindo paseniño xunto cos xestores dos espazos de coworking, atendendo ás características de cada contorna, as demandas das súas empresas e as súas necesidades específicas.
A colaboración quere estender as actividades ao conxunto da rede provincial, integrada por 12 espazos: Oleiros, Brión, Ames, A Capela, Moeche, Vedra, A Pobra do Caramiñal, As Pontes, Santiago de Compostela, Boiro, Miño e Porto do Son.
Engadir que esta colaboración non se limitará á organización de xornadas e obradoiros. As empresas vinculadas aos centros tamén poderán acceder a clínicas de asesoramento dixital, que incluirán caracterizacións tecnolóxicas e diagnósticos de madurez dixital. Estes servizos permitirán coñecer a situación de cada negocio, identificar os seus principais retos e oportunidades de mellora e orientar os seus pasos no proceso de dixitalización.
A programación deseñarase de xeito coordinado cos responsábeis dos coworkings, que coñecen de primeira man o tecido empresarial das súas respectivas contornas e desenvolven habitualmente iniciativas de formación, networking e mentoría. A OAP de ITG achegará o seu coñecemento especializado en dixitalización para complementar e reforzar este traballo, adaptando os contidos e formatos ás necesidades de cada centro e evitando duplicidades.



