Belén do Campo (Xunta) visita a explotación gandeira de raza vianesa de Lousame, premiada no certame ExceRazas

02 Novembro 2026

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, xunto ao alcalde de Lousame, Esteban Ares, o presidente da Federación de Razas Autóctonas de Galicia (BOAGA), Cástor José Rivero, o presidente da asociación de raza bovina vianesa, Fernando Bouzas e a directora territorial da Consellería de Medio Rural, Nieves Mancebo, visitaron a explotación gandeira de raza vianesa no concello de Lousame, para coñecer de primeira man o seu traballo con esta raza bovina autóctona, unha das razas tradicionais galegas en perigo de extinción, e trasladar á responsábel da explotación os seus parabéns polo diploma recibido nos primeiros premios ExceRazas, convocados pola Consellería do Medio Rural no que foi recoñecida como finalista na categoría Legado e Vigor, recibindo un diploma pola súa traxectoria na preservación da raza, xa que conta con 11 vacas de máis de 15 anos e máis de 12 partos.

Durante a visita, Belén do Campo puxo en valor “o compromiso das persoas criadoras que contribúen a conservar estas razas autóctonas, fundamentais para manter a diversidade xenética, preservar unha parte esencial da historia e da identidade de Galicia e garantir a continuidade dunha actividade gandeira estreitamente ligada ao medio rural”.

A delegada destacou que o recoñecemento a María del Carmen del Río representa tamén “unha homenaxe ao esforzo de todos os profesionais que, co seu traballo diario, manteñen vivo este patrimonio gandeiro e contribúen á súa conservación e mellora”. Na actualidade esta explotación conta cun censo de 23 vacas adultas e cunha extensión de terreo de algo máis de 37 hectáreas.

Os premios ExceRazas celebraron a súa primeira edición o pasado 22 de outubro. Estes galardóns teñen carácter honorífico e recoñecen a profesionalidade dos criadores das cinco razas bovinas autóctonas galegas en perigo de extinción: Cachena, Caldelá, Frieiresa, Limiá e Vianesa.

Os recoñecementos estrutúranse en tres categorías: excelencia gandeira, legado e vigor, e identidade e semente da raza. A valoración baséase en indicadores obxectivos certificados polos correspondentes libros xenealóxicos, atendendo a aspectos relacionados coa conservación da pureza racial, a eficiencia técnica, a selección xenética e o benestar e a saúde dos animais.

Apoio da Xunta ás razas autóctonas

Belén do Campo lembrou que “a Xunta mantén diferentes liñas de apoio destinadas a garantir a conservación e o futuro destas raza”s. Neste sentido, a convocatoria de 2026 das axudas para o fomento das razas autóctonas galegas conta cun orzamento de 270.000 euros, dirixido ás asociacións de criadores oficialmente recoñecidas para a xestión dos libros xenealóxicos e o desenvolvemento dos programas de cría. Estas achegas permiten financiar tarefas de conservación, mellora xenética, control do rendemento e mantemento dos bancos de xermoplasma.

Ademais, recordou que a Consellería do Medio Rural convocou por segundo ano consecutivo as axudas específicas para fomentar a recría das razas autóctonas de ruminantes ameazadas, cunha dotación de 390.000 euros en 2026. Esta liña contempla apoios de ata 350 euros por animal bovino e de ata 60 euros por exemplar de ovino ou caprino, cun máximo de 15.000 euros por explotación beneficiaria. O obxectivo é favorecer a continuidade dos rabaños, reforzar o patrimonio xenético e contribuír á sustentabilidade das explotacións.

Outros artigos

Ribeira incorporará un poboado de Nadal na praza do Concello

Un poboado de Nadal será unha das novidades para esta época proxectada dende o Concello de Ribeira co obxectivo de dinamizar as festas e dispor de máis actividades para a rapazada. Esta nova acción asentarase na praza do Concello durante o presente ano, con...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Servizos públicos de calidade” – José Manuel Pena

“Servizos públicos de calidade” – José Manuel Pena

Unha gran parte de cidadáns, responsables e comprometidos, déronse conta de que se está privatizando a sanidade, a educación ou a dependencia, piares fundamentais de calquera país moderno e democrático. A usura e a corrupción de moitos gobernantes poñen de manifesto...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.