As Xornadas Micolóxicas da Pobra celebran unha década cun programa de obradoiros, divulgación e gastronomía

02 Novembro 2026

As Xornadas Micolóxicas da Pobra do Caramiñal alcanzan este ano a súa décima edición cun programa que combina formación, divulgación, actividades no medio natural e gastronomía. O concelleiro de Medio Ambiente, Xosé Lois Piñeiro, acompañado pola técnica municipal desta área, presentou as propostas organizadas polo departamento que dirixe.

Segundo indicaron, esta décima convocatoria supón “un novo fito para unha iniciativa que continúa achegando o mundo dos cogomelos á cidadanía e promovendo o coñecemento da riqueza micolóxica da contorna”.

A programación inclúe obradoiros para escolares e familias, unha charla especializada, unha exposición, unha saída ao campo e unha proposta gastronómica.

As actividades comezarán o mércores 4 de novembro con obradoiros micófilos impartidos pola asociación AMABUL nos centros educativos Pilar Maestú Sierra e Salustiano Rey Eiras.

O venres 6, ás 20.30 horas, o auditorio da biblioteca acollerá a charla Cogomelos no bosque de ribeira, a cargo de José María Traba Velay. Desde ese mesmo día e ata o domingo 8, o mercado de abastos albergará unha exposición micolóxica.

A programación continuará o sábado 7 cun obradoiro familiar de cultivo de shiitake, impartido por Miceltia no local da Confraría, de 17.00 a 19.00 horas. A actividade está dirixida a menores de ata 12 anos, que deberán acudir acompañados dunha persoa adulta. Haberá 20 prazas en total, contando participantes e acompañantes, e será necesaria a inscrición previa.

O domingo 8, ás 10.00 horas, realizarase unha saída á Curota. O punto de encontro será a dársena de autobuses e o desprazamento ata o cruzamento da subida aos Forcados efectuarase en vehículos particulares. Para participar será preciso anotarse con antelación.

A xornada continuará no mercado de abastos, onde ás 13.00 horas se entregarán os premios do X Concurso Fotográfico de Micoloxía. O certame, cuxo prazo de participación remata o 4 de novembro, repartirá 750 euros en bonos de compra para o comercio local, distribuídos en tres premios de 350, 250 e 150 euros.

Como peche das xornadas, ás 13.30 horas celebrarase unha sesión de Vermú GastroRock Micolóxico con Kike Piñeiro, da Horta do Obradoiro, e Ajencia Trivutaria. As prazas serán limitadas e terán preferencia as persoas que participen na saída ao campo. Tamén se requirirá inscrición previa.

Todas as actividades serán de balde. As inscricións deberán realizarse a través do correo electrónico apobra.micoloxia@gmail.com.

Con esta décima edición, a Concellería de Medio Ambiente dá continuidade a unha proposta que combina o coñecemento dos fungos coa divulgación e a participación cidadá, poñendo en valor o patrimonio natural do municipio.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Servizos públicos de calidade” – José Manuel Pena

“Servizos públicos de calidade” – José Manuel Pena

Unha gran parte de cidadáns, responsables e comprometidos, déronse conta de que se está privatizando a sanidade, a educación ou a dependencia, piares fundamentais de calquera país moderno e democrático. A usura e a corrupción de moitos gobernantes poñen de manifesto...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.