
O VI Magosto Arrancadeira celebrarase o vindeiro sábado 7 de novembro na Pobra do Caramiñal cunha programación que reunirá numerosos grupos e asociacións arredor da música e do baile tradicional. A cita desenvolverase no toldo da praza Alcalde Segundo Durán, a partir das 17.00 horas, e contará tamén cunha degustación gratuíta de castañas.
A concelleira de Cultura, Patricia Lojo, presentou hoxe esta nova edición xunto con representantes da Asociación Arrancadeira, entre elas a súa presidenta, Carla, quen explicou as actividades previstas e animou a cidadanía a participar na festa.
Durante a súa intervención, Patricia Lojo agradeceu á entidade o traballo e a implicación na organización desta iniciativa, destacando a importancia de manter vivas as tradicións e transmitilas ás novas xeracións. A edil puxo en valor este tipo de encontros, que permiten compartir momentos de convivencia ao tempo que contribúen á conservación da cultura popular galega.
Pola súa banda, Carla detallou as propostas preparadas para esta sexta edición e convidou o público a achegarse á praza Alcalde Segundo Durán para gozar dunha xornada dedicada ao folclore e á cultura tradicional.
Unha tarde de música e baile tradicional
A programación comezará ás 17.00 horas cunha foliada infantil na que participarán AC Pedra da Aroña, As Caramiñas, Asociación Arrancadeira, Bailadela AC e GMBT Tahúme.
Ás 18.00 horas desenvolverase o obradoiro de baile tradicional O bailar na Terra Chá, con Alejandro Martínez.
A partir das 19.00 horas será a quenda da foliada, que reunirá a AC Pedra da Aroña, Andavía, Argalleiros da AC Xacarandaina, Asociación Arrancadeira, As Xarizas de Parada, Estróupele, GBMT Tahúme, Nunca é tarde, Os Pequenos do Barbansa, Pandereteiras de Comoxo, Rianxeiras da Covecha, Riscadela da SR de San Xoán de Calo e Secundina.
O programa rematará ás 22.00 horas coa actuación de 7 Ferrados, que poñerá o broche musical á celebración.
Ademais das actividades previstas, as persoas asistentes poderán degustar castañas de balde, un dos elementos máis característicos dos magostos.
Desde a Concellería de Cultura e a Asociación Arrancadeira convidan a toda a cidadanía a sumarse a esta sexta edición e compartir unha xornada festiva arredor das tradicións galegas.



