
A Coordinadora da Mocidade Socialista (CMS) asistiu con bloques propios a 16 manifestacións en todo o país entre a mañá e a tarde. En cada unha delas a organización mobilizou a centos de mozas nunha xornada de folga cuxo seguimento estimou “masivo”. O seu bloque máis significativo foi o da manifestación unitaria desta tarde en Santiago de Compostela, na que, segundo cálculos da coordinadora, esta xuntou a máis de 1.500 persoas.

A CMS considerou que “na xornada do 11-M aturouse a represión policial durante todo o día”. A súa militancia aguantou cargas esta mañá no piquete de Amio, sufriu múltiples identificacións indiscriminadas en todo o país e foi perseguida por axentes en varias cidades. O mesmo que viviron outros colectivos sociais e sindicais durante a xornada. A organización denunciou esta actitude que “atenta contra o dereito á folga”, sinalou nun comunicado.
Aínda así, estimou que “en conxunto ao sindicalismo de clase galego, os piquetes do día foron un éxito: acadouse un detemento xeral da produción e do comercio galego”. Comunicaron esta estimación ao abeiro de “logros como o peche dos centros comercias de Vialia e A Laxe en Vigo, da taponada
das estacións de bus da Coruña e Santiago de Compostela e do detemento da actividade de centros industriais como Navantia e o Porto de Vigo”.

No ámbito estudantil, a estimación resultou nas súas palabras “igualmente positiva”. A organización comezou a xornada de folga cun peche na Facultade de Historia da USC, “unha acción que permitiu estender o piquete á primeira hora da mañá; e na Coruña un piquete do Comité de Estudantes Socialistas de
Elviña pechou a principal entrada ao Campus nun piquete que cortou a estrada”.
Relataron tamén que “xa máis entrada a mañá, os piquetes na USC conseguiron deter toda a actividade da Facultade de Óptica”.

A CMS salientou “o traballo exemplar do conxunto do movemento obreiro galego, que converteu unha folga convocada en circunstancias adversas e baixo intereses electoralistas claros nas bases necesarias para a construción dunha xornada de clase”.



