A Delegación do Goberno recoñece a primeira reitora nos máis de cinco séculos de historia da USC e o labor social de acompañamento a vítimas de explotación sexual nunha gala que terá lugar o 20 de novembro en Santiago.
A Delegación do Goberno en Galicia deu a coñecer a nómina de persoas e entidades galardoadas na novena edición dos premios Meninas de Galicia 2026, uns recoñecementos que distinguen o compromiso coa igualdade de oportunidades e a loita contra a violencia machista. O acto de entrega celebrarase o vindeiro 20 de novembro no Hostal dos Reis Católicos, nunha cerimonia que presidirá o delegado do Goberno, Pedro Blanco, ao fío das conmemoracións polo 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.
Entre as homenaxeadas destaca a reitora da Universidade de Santiago de Compostela, Rosa Crujeiras, quen marcou un fito histórico ao converterse na primeira muller en dirixir a institución académica nos seus 531 anos de existencia. Dende o Executivo subliñan que o seu nomeamento racha cun dos «máis prolongados teitos de cristal institucionais en Galicia» tras encabezar unha proposta fundamentada nunha universidade inclusiva e feminista.
A capital galega suma tamén o recoñecemento concedido ao proxecto Vagalume, impulsado conxuntamente por Cáritas e as Irmás Oblatas. Esta iniciativa leva anos desenvolvendo un labor continuado de asistencia, acollida e apoio a mulleres en contextos de prostitución e vítimas de redes de trata con fins de explotación sexual.

Compromiso na xustiza, a política e o sector farmacéutico
A listaxe de distincións desta edición pon o foco en traxectorias determinantes para a implantación de dereitos e ferramentas de protección social:
- Carmen Marón: A exdiputada socialista é recoñecida pola súa carreira política e, moi especialmente, polo seu labor entre 2004 e 2008 á fronte da Comisión de Traballo e Asuntos Sociais do Congreso, onde dirixiu a tramitación parlamentaria da pioneira Lei Orgánica contra a Violencia de Xénero.
- Sandra María Piñeiro: Presidenta da Audiencia Provincial de Lugo, recibe o galardón polo seu esforzo constante por introducir a perspectiva de xénero nos xulgados, traballo que desenvolveu dende a Asociación Mulleres Xuízas de España e que continúa como coordinadora territorial de Xuízas e Xuíces para a Democracia.
- Colexio Oficial de Farmacéuticos de Pontevedra: Distinguido pola implantación dun programa pioneiro nas farmacias para axudar á detección temperá e á canalización asistencial de vítimas de violencia machista, con especial incidencia nas áreas rurais.
- Asociación Larume: Entidade ourensá premiada polo seu traballo de base no eido da formación en igualdade e a coeducación.
- Xornalistas fundadoras de Mugacom: No ámbito da comunicación galardoouse ás profesionais que no ano 1997 puxeron en marcha a Asociación de Mulleres Galegas da Comunicación polo seu pulo decisivo a favor da visibilidade e a igualdade no sector xornalístico.
Os premios Meninas, creados polo Goberno de España en 2004 e implantados en Galicia dende 2018, consolidan así unha nova convocatoria na que se fai visible o esforzo colectivo de profesionais e colectivos galegos na erradicación das violencias contra as mulleres.



