Cáritas Arousa e BATA impulsan novas oportunidades de inclusión e participación comunitaria

11 Novembro 2026

Cáritas Diocesana de Santiago, a través de Cáritas Interparroquial de Arousa, e a Asociación Autismo BATA de Vilagarcía puxeron en marcha unha iniciativa de colaboración destinada a favorecer a inclusión social e a participación comunitaria de persoas con trastorno do espectro do autismo (TEA). Desde o pasado 20 de outubro, dous participantes de BATA colaboran como voluntarias no Comedor Social de Cáritas Arousa, integrándose en distintas tarefas do servizo cos apoios necesarios.

A Asociación Autismo BATA é unha entidade de referencia en Galicia na atención a persoas con TEA e desenvolve programas orientados a promover a súa autonomía, inclusión e participación na comunidade. Cáritas explica que “esta experiencia de voluntariado xorde do compromiso compartido de ambas as organizacións por xerar oportunidades reais de participación en contornas normalizadas, favorecendo que cada persoa poida achegar as súas capacidades e asumir un papel activo na vida social”.

As persoas participantes colaboran xunto ao equipo técnico e ao voluntariado habitual do Comedor Social, compartindo experiencias, establecendo novas relacións e participando nunha contorna que favorece a aprendizaxe e o desenvolvemento persoal.

A directora de Cáritas Interparroquial de Arousa, Mar Viqueira, destacou que “esta iniciativa reflicte o compromiso de Cáritas cunha comunidade máis aberta, participativa e inclusiva, onde todas as persoas teñan a oportunidade de achegar, asumir responsabilidades e desenvolver as súas capacidades. O voluntariado é unha ferramenta de transformación tanto para quen participa como para as entidades e a sociedade no seu conxunto”.

Desde BATA, destácase que “a inclusión non consiste unicamente en que as persoas con autismo poidan acceder aos recursos da comunidade, senón en que teñan oportunidades reais de participar, contribuír e sentirse parte dela. Esta colaboración demostra que, cando existen oportunidades e facilítanse os apoios necesarios, todas as persoas poden achegar valor á súa contorna. É importante cambiar a mirada e recoñecer que as persoas con discapacidade non son unicamente receptoras de apoios, senón tamén persoas capaces de ofrecer axuda, asumir responsabilidades e contribuír ao benestar doutras persoas”.

A iniciativa reflicte o compromiso compartido de Cáritas Arousa e BATA cunha inclusión baseada na participación e as capacidades de cada persoa, “Un traballo conxunto que contribúe a construír unha comunidade máis aberta, accesible e cohesionada, onde todas as persoas poidan achegar, decidir e formar parte activa da vida social”, explican.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Mover os marcos” – Xulio Xiz

“Mover os marcos” – Xulio Xiz

Na Galicia doutrora, onde o rural era un ente puxante, superpoboado e vivo, os marcos das leiras equivalían á conxunción de notaría, Rexistro da Propiedade e Catastro de Rústica. Parecían estar colocados desde o comezo dos tempos, e cada vez que a herba medraba en...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.