
O Concello de Muros adxudicou as obras de mellora e acondicionamento do punto limpo municipal, a compra dos contedores nos que se depositan os residuos e a formación do persoal que traballa nas instalacións.
“O coidado dos servizos públicos e do medio ambiente son dúas prioridades para o goberno local desde o comezo do mandato”, asegurou a alcaldesa, María Lago, a respecto das novidades relacionadas co tratamento local do lixo, engadindo que os traballos de mellora no punto limpo terán un orzamento de máis de 26.600 euros e o concello destinará 48.275 euros á adquisición de catro novos contedores e unha transpaleta pesadora para as instalacións.
O Concello adxudicou tamén as sesións de formación do persoal do punto limpo para realizar unha xestión correcta dos residuos.
“A mellora das instalacións favorecerá unha correcta reciclaxe dos residuos”, apunta a maiores María Lago, que fai un chamamento á veciñanza “para facer un uso correcto do punto limpo e dos puntos limpos móbiles; é unha tarefa conxunta coidar e protexer o concello no que vivimos”.



