
O Concello de Boiro saca a licitación as obras para o proxecto de impermeabilización da praza do Concello, unha actuación dun importe de 244.134,14 euros financiado con fondos propios. O prazo de presentación de ofertas está aberto ata o 20 de outubro.
As obras que se proxectan teñen como finalidade eliminar as filtracións de auga detectadas en distintas zonas do edificio municipal e os espazos vinculados ao mesmo, en particular o aparcamento municipal, puntos do almacén do mercado municipal e o local anexo ao mercado.
Dende o Concello explican que “as filtracións que se veñen producindo evidencian a necesidade de actuar sobre a impermeabilización do fronte e as terrazas laterais da Casa Consistorial para corrixir os problemas existentes e evitar a entrada de auga, mellorando as condicións de conservación e durabilidade do conxunto”.
A situación que se pretende adoptar é a substitución da impermeabilización existente por unha nova con lámina asfáltica para mellorar a estanquedade do conxunto e evitando a transmisión de filtracións.
As empresas interesadas poden presentar as súas ofertas ata o 20 de outubro a través da Plataforma de Contratos do Sector Público.



