
O Concello de Boiro convoca unha liña de subvencións para clubs e entidades deportivas federadas do municipio cun importe total de 63.050 euros. O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o 15 de outubro.
Segundo confirmou o Goberno local, “estas subvencións teñen como obxectivo apoiar ás entidades deportivas sen ánimo de lucro na súa participación en ligas e competicións oficiais”. Están destinadas a financiar gastos federativos; de seguros, salarios e seguridade social; gastos de xestión; gastos publicitarios e de comunicación; gastos de vestimenta e lavandería; formación; ximnasio, fisioterapia e farmacia; material de oficina; gastos derivados de desprazamentos, hospedaxes, aloxamentos e manutencións; arbitraxes;; premios, trofeos e agasallos; ou equipamento deportivo.
Para poder optar a estas axudas os clubs ou entidades deportivas deberán estar federados con razón social no municipio e participar en competicións oficiais estábeis, carecer de fins de lucro; estar inscritas no rexistro de entidades do Concello de Boiro e no rexistro de Asociacións Deportivas da Xunta; non incorrer en supostos de incapacidade ou incompatibilidade para a recepción das axudas; e dispoñer de certificado dixital ou DNI electrónico.
O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o 15 de outubro e deberán facerse mediante a sede electrónica do Concello de Boiro. Toda a información sobre as subvencións está dispoñíbel no Departamento Municipal de Deportes.
Estas subvencións súmanse aos convenios de subvencións nominativas directas a clubs para financiar probas ou actividades específicas ás que o Concello de Boiro destina 227.325 euros. “Apostamos polo deporte con axudas directas aos clubs e melloras nas instalacións deportivas para que os nosos rapaces e rapazas poidan practicar en Boiro o seu deporte preferido, unha ferramenta fundamental polos valores e as ensinanzas que aportan a práctica deportiva”, sinalou o concelleiro de Deportes, Marcos Fajardo.



