Gardacostas de Galicia desfila por primeira vez en Madrid no Día da Festa Nacional

12 Outubro 2026

O servizo autonómico amosou na capital os seus medios terrestres e marítimos de salvamento, loita contra a contaminación e protección dos recursos pesqueiros.

O Servizo de Gardacostas de Galicia fixo historia este 12 de outubro ao participar, por primeira vez, no desfile central do Día da Festa Nacional celebrado en Madrid. A comitiva galega contou co seguimento presencial da conselleira do Mar, Marta Villaverde, e do subdirector xeral do corpo, Juan Carlos Codesido, quen asistiron ao acto desde a tribuna de autoridades.

A presenza de Gardacostas no desfile pon en valor a singularidade deste servizo público, o único de titularidade autonómica de todo o Estado que opera con medios e competencias propias en tres eixes fundamentais: salvamento marítimo, intervención fronte a verteduras ou episodios de contaminación e vixilancia dos recursos pesqueiros.

A delegación autonómica integrouse no escalón motorizado civil cunha mostra representativa do equipamento técnico e humano co que traballa a diario no litoral galego. O conxunto estivo formado por tres vehículos todoterreo —nos que viaxaban mandos do operativo, xunto con sistemas de contención e recollida de verteduras e unha embarcación auxiliar rápida para actuacións de urxencia— e un transporte especial que trasladou unha lancha patrulleira de 18 metros de eslora acompañada da súa dotación.

Co seu paso polo paseo da Castellana, o operativo galego exhibiu ante o público e as autoridades a capacidade técnica e profesional coa que custodia diariamente as rías e as augas de Galicia.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.