
O Liceo Marítimo de Ribeira foi este mércores 21 de outubro o lugar de encontro dunha charla coloquio sobre o dereito á vivenda, organizada pola delegación de Amnistía Internacional no Barbanza.
Os relatores presentes foron Jessica García, presidente de Amnistía Internacional de Galicia, Gloria Angulo, membro de AI de Barbanza, Giovanni Spitaleri, avogado mexicano e promotor inmobiliario e José Manuel Pena, voceiro de Stop Desafiuzamentos Barbanza. Entre outras cuestións, abordaron a situación actual de escaseza de vivenda pública e social en Galicia e lembraron que existe un 30% de vivendas baleiras na nosa Comunidade. Tamén coincidiron á hora de afirmar que a vivenda é un dereito humano incontestábel.
Ademais, puxeron enriba da mesa a excesiva burocracia para a expedición dunha licenza de obras que se pode demorar uns 8 meses así como do programa TuCasa, sobre a concesión de 50.000 euros a interese cero para a compra da primeira vivenda, por pare do Goberno central.
Fíxose un amplo repaso sobre asuntos como a emerxencia habitacional que se está a vivir en moitas comarcas como o Barbanza, os excesivos prezos dos alugueiros por culpa da usura e da especulacións dalgúns propietarios, a obriga de garantir as alternativas habitacionais para a familias vulnerábeis por parte dos Concellos e a propia Xunta de Galicia, a Lei da Segunda Oportunidade para a condonación das débedas ás familias ou, tamén, a necesidade de garantir a negociación cos fondos de investimento e grupos inmobiliarios para a compra de inmóbeis con vistas a crear un banco de vivendas públicas que garantan as alternativas habitacionais.
Os problemas sobre a saúde mental que afecta a moitas persoas desafiuzadas, que as leva á depresión e mesmo ao intento de suicidio, foi outro dos temas abordados.
Todos os relatores intervenientes coincidiron de que se trata dunha cuestión de vontade política, necesaria para “acadar que a vivenda deixe de ser un problema que preocupa á maior parte da poboación”.



