
O Centro Social de Abanqueiro vai acoller este venres 23 de outubro a representación do espectáculo teatral para público adulto De ida e volta, de Cris de Caldas e Amor Hererra. Será este venres ás 21.00 horas, con venda de entradas na billeteira dende unha hora antes da función.
Trátase dunha función de narración oral e música, con cancións en directo onde o fío narrativo é a migración galega, con especial atención aos procesos migratorios das mulleres. Afóndase nos tránsitos desde Galicia cara a Cuba e lémbrase as conexión culturais e sociais dos dous países.
A peza busca evitar o esquecemento que condena ás sociedades a unha falta grave de humanidade. Poesía, música e cancións en directo da man de Cris de Caldas e Amor Herrera para coñecer o noso pasado e soñar cun mellor presente e futuro.



