
Hoxe e mañá (22 e 23 de outubro) vaise celebrar un obradoiro de cociña gratuíto no Mercado Municipal de Muros, en horario de 17:00 a 21:00 horas.
Organizado por GALP Costa Sostible coa colaboración do Concello de Muros, trátase dunha nova oportunidade para participar no Obradoiro de Batchcooking de Pesca Saúde (GALP).
Achegaranse claves para comer de forma máis saudábel, aforrar tempo na cociña e incorporar produto pesqueiro á nosa dieta. É a segunda edición deste curso práctico no que aprenderemos a organizar sesións de cociñado para toda a semana.
Os contidos serán impartidos por reputados profesionais do sector: Pepe Senande, cociñeiro do restaurante A Muradana e Valeria Freijedo, nutricionista de Arela Saúde.
Ensinarán receitas e técnicas sinxelas para cociñar produtos do mar sen perder sabor nin propiedades, claves para saber que especies se conservan mellor na neveira ou no conxelador, e trucos para optimizar o tempo na cociña e reducir o desperdicio alimentario.
As persoas participantes recibirán un receitario, unha guía de consellos e información nutricional, un mandil e unha bolsa da compra exclusiva feita con redes e plásticos reciclados elaborada pola Asociación de Redeiras de Cariño en colaboración coa Aula Sostible do Freixo (Outes)
Lugar: Praza de Abastos de Muros.



