
O músico mozambiqueño Cheny Wa Gune estará esta fin de semana en Muros e Boiro e farao no marco das celebracións do 10.º aniversario do pasamento de Fran Pérez “Narf”, co patrocinio da Deputación da Coruña.
A cita de Muros será este venres no Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil, a partir das 20.30 horas (pódense reservar convites en liña).
A cita de Boiro será o sábado 3 de outubro no Pazo de Goiáns, a partir das 21.00 horas.
Cheny Wa Gune é un recoñecido músico multi-instrumentista de Mozambique, amplamente considerado un dos grandes mestres contemporáneos da m’bila (un xilófono tradicional do pobo Chopi, declarado Patrimonio Inmaterial da Humanidade pola UNESCO). A súa proposta musical fusiona os ritmos e instrumentos ancestrais do seu país con sonoridades modernas como o jazz, o afrobeats e a música experimental.
Cheny ten un estreito vencello con Galicia. De feito, colabora activamente no proxecto De Zemambiquo a Zigala xunto ao colectivo galego A Pedreira (Uxía e Sergio Tannus). Esta colaboración nace como unha homenaxe e continuación da histórica viaxe transoceánica e de intercambio cultural que iniciou no seu día o lembrado músico galego Fran Pérez “Narf” coa música de Mozambique.
A concelleira de Cultura de Muros, Caridad González, destacou que “é unha satisfacción abrir a programación de outono cun artista de proxección internacional e cunha proposta musical de gran valor cultural”.
Como dixemos, a xira de Cheny forma parte do programa Outono das Artes 2026, promovido pola área de Cultura da Deputación da Coruña.



