O Concello de Muros paraliza unhas obras nos cantís de Punta Abelleira

22 Setembro 2026

O Concello de Muros vén de comunicar a paralización cautelar das obras na zona intermareal de Punta Abelleira, por “non contar coas autorizacións pertinentes”. O pasado 11 de setembro, a asociación ecoloxista ADEGA denunciou diante do Concello de Muros, de Augas de Galicia e da Demarcación Galega de Costas, a presenza de maquinaria pesada enriba dos cantís de Punta Abelleira, en zona de dominio público marítimo-terrestre, que, segundo a plataforma ambiental, “estaba escavando na rocha o que aparentaba ser a apertura de varias gabias para a instalación de tubaxes para a captación de auga de mar e/ou e vertedura cara a ría de Muros-Noia desde a planta auxiliar de acuicultura instalada no lugar”.

ADEGA sinala que as obras comezaran xa na noite do 10 de setembro e continuaron ao día seguinte, acadando nese período de tempo o cimentado e remate dunha das gabias (a situada ao oeste da planta, que verte á Enseada de Bornelle), e a construción parcial doutra gabia no lado sur destinada á captación de auga.

ADEGA lembra que as obras foron executadas por unha empresa local de mariscos e os traballos, indican, “alteraron de forma significativa a morfoloxía dos cantís litorais, parcialmente cimentados, removeron fondos mariños e derivaron sedimentos cara ao mar que provocaron a turbideza da auga”.

A asociación advirte tamén que” a modificación dos perfís rochosos costeiros, ademais de alterar gravemente a paisaxe litoral, podería acelerar a erosión dos cantís, especialmente vulnerábeis aos cambios; e as verteduras da planta depuradora de moluscos poden constituír un importante foco de contaminación para a ría se o seu impacto non se avalía adecuadamente”.

A asociación ecoloxista recorda a maiores que calquera actuación que se pretenda executar na zona de dominio público marítimo terrestre de Punta Abelleira podería afectar directa ou indirectamente a varios espazos naturais protexidos que circundan a ría de Muros e Noia, nomeadamente a ZEC Monte e Lagoa de Louro (ES1110012), a ZEC Esteiro do Tambre (ES1110011) e a ZEC. Ademais, indican, “a poucos metros da planta auxiliar de acuicultura, propiedade da promotora das obras, atópase o Humidal da Rateira, unha lagoa intermareal incluída no Inventario de Zonas Humidas de Galiza, e tamén área de distribución potencial da píllara das dunas (Charadrius alexandrinus L.), ave catalogada como vulnerábel no Catálogo Galego de Especies Ameazadas, que é extremadamente sensíbel á alteración do seu hábitat”.

Na documentación do Concello de Muros figura “que as obras executadas en Punta Abelleira, ademais de non ter sido sometidas a unha adecuada avaliación ambiental, tamén son irregulares por canto se executaron gabias que non estaban contempladas no proxecto técnico presentado no Concello, mudando os trazados das tubaxes inicialmente deseñados e incorporando novos elementos construtivos”.

Entre outras deficiencias, sinálase na dita documentación que “as obras incumpriron os requirimentos de Costas e da Xunta de instalar barreiras anti-contaminación para evitar o enlodamento das augas mariñas, e foron executadas unha vez vencida a vixencia do permiso de vertedura de Augas de Galicia para poder deitar as augas procedentes da depuradora na enseada de Bornalle”.

O Concello tamén dubida da legalidade de dúas tubaxes situadas nos cantís, ao lado sur e oeste, que verten auga directamente sobre as rochas da que se descoñece a súa procedencia.

ADEGA solicita ao Concello de Muros que ademais de “paralizar cautelarmente as obras” e “incoar un expediente de reparación da legalidade”, tramite a apertura do oportuno expediente sancionador e “castigue cunha multa aos responsables das obras ilegais, pois boa parte do dano efectuado xa é irreversíbel”.

Ao tempo, insta á Xunta de Galicia e a Costas do Estado para que tamén instrúan cadanseu expediente sancionador e para que, ademais, sometan ao procedemento administrativo de avaliación de impacto ambiental o proxecto de captación de auga e vertido ao mar da planta depuradora da empresa.

Outros artigos

Estabilizado o lume de Ribasieira (O Son)

A Consellería do Medio Rural informou de que o incendio forestal rexistrado no concello coruñés do Porto do Son, parroquia de Ribasieira, quedou estabilizado ás 18,15 horas de hoxe. O lume iniciouse ás 14,42 horas de onte e segundo as últimas estimacións provisionais...

+

Este mércores 23, comeza o outono logo dun verán de récord

Este verán foi o de maior número de días con temperatura máxima por riba dos 30 graos en Compostela, segundo datos do Observatorio Astronómico da USC Comeza o outono. Foto: Santi Alvite Ás 2:05 horas do mércores 23 dá comezo o outono no hemisferio boreal. Esa hora...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Caridade e solidariedade” – José Manuel Pena

“Caridade e solidariedade” – José Manuel Pena

“Axúdanlles moito máis aos estranxeiros que ás familias humildes da zona”. Observo como unha muller inmigrante, entregaba un cupón de alimentos, e saía do supermercado con dous carros repletos de comida, mentres que a unha veciña, sen apenas recursos, só lle dan unha...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.