A Xunta de Galicia licitou onte as obras para mellorar a accesibilidade e conectividade de 62 paradas de autobús nas estradas AC-543, AC-550 e AC-305, ao seu paso por Noia, A Pobra do Caramiñal, Boiro, Carnota, Dodro, Muros, Outes, Porto do Son, Rianxo e Ribeira, paradas todas elas na provincia da Coruña e conectadas coa capital galega a través das principais vías autonómicas do suroeste.

As obras, cun prazo previsto de execución de 18 meses, consistirán na mellora dos apartadoiros para os autobuses e as súas cuñas de entrada e saída, así como o acondicionamento dos itinerarios peonís na contorna das paradas, coa fin de mellorar a accesibilidade ao transporte público.
As obras saíron onte a licitación por máis de 1,1 millón de euros.
O contrato está cofinanciado con fondos europeos FEDER correspondentes ao período 2021-2027 e forma parte do Plan de mellora da seguridade e accesibilidade das paradas de autobús impulsado pola Xunta. Este programa conta cun investimento global de 35,5 millóns de euros e prevé realizar intervencións nun total de 1.100 paradas da rede viaria autonómica.
Segundo o Goberno galego, “a finalidade destas actuacións é facilitar o acceso ao transporte colectivo e favorecer o seu uso nos desprazamentos de curta e media distancia”. A planificación céntrase especialmente nos percorridos que teñen como orixe ou destino as cidades con maior poboación, polo que neste contrato as intervencións afectan a itinerarios que canalizan parte dos desprazamentos diarios cara a Santiago de Compostela desde o suroeste da provincia.
No caso de Rianxo, o alcalde, Julián Bustelo, confirmou que se actuará nas paradas de Burés, A Casilla e o antigo Bar Central. Ademais dende o Concello de Rianxo confirmaron que veñen de adquirir 6 novas marquesiñas para renovar aquelas que se atopan en peor estado no municipio. Así, está previsto que ao longo dos vindeiros días comece a instalación.



