Barbantia, Galaxia, La Voz e o Concello de Boiro organizan a presentación de “Os abandonos”, a nova novela de Antón Riveiro Coello (este venres)

23 Setembro 2026

A Asociación Cultural Barbantia, a Editorial Galaxia, o xornal La Voz de Galicia e o Concello de Boiro organizan este venres 25 de setembro unha das grandes presentacións literarias da tempada no ámbito das letras galegas: a presentación de Os Abandonos, a nova novela de Antón Riveiro Coello, boirense de adopción e fillo predilecto do concello. A cita será este venres, 25 de setembro, ás 20.30 h no salón de actos do Centro Social do Concello de Boiro. No acto intervirán María Xesús Blanco López, presidenta da A. C. Barbantia, Mariano Muñiz Blanco, mestre e socio da A. C. Barbantia e Xosé Ramón Romero García, alcalde de Boiro.

A presentación coincidirá coa saída do suplemento cultural A Voz de Barbantia número 217, que estará na rúa o sábado 26 de setembro conxuntamente con La Voz de Galicia.

Ficha do libro (Galaxia)

O novo libro do Riveiro Coello, que inaugura a Biblioteca Riveiro Coello, ponnos na pel de Delfina, unha muller difícil, caprichosa e egoísta, cun trastorno narcisista da personalidade e un mundo de ficción no que adoita refuxiarse. Próxima aos oitenta anos, comeza tamén a padecer demencia e entra nunha situación de dependencia que altera as súas defensas e afecta profundamente a súa contorna familiar.

Escrita desde a dor e as feridas de Lucía, a novela aborda cuestións delicadas como os coidados, a vellez, a saúde mental, os abusos e a complexidade dos sentimentos familiares.

A desaparición de Delfina convértese así no punto de partida dunha historia sobre os vínculos, os silencios e as feridas que atravesan unha familia, indícase na ficha de Galaxia, que inaugura con este lanzamento a Biblioteca Antón Riveiro Coello, dedicada a un dos autores de maior prestixio da narrativa galega actual. Seguindo este fío, Galaxia lembra que a obra de Riveiro Coello foi traducida xa a varias linguas e recoñecida con numerosos galardóns, entre eles o Premio García Barros, o Premio Álvaro Cunqueiro de Narrativa, o Premio da Crítica Española, o Premio de Narrativa da AELG, o Premio Torrente Ballester e o Premio San Clemente.

Antón Riveiro Coello (Xinzo de Limia, 1964) é un dos nomes destacados da literatura galega dos últimos anos. Articulista, poeta ocasional e escritor de relatos, é autor de novelas tan coñecidas como A quinta de Saler (finalista do Premio de Narrativa Torrente Ballester, 1999), Animalia (Premio Café Dublín, 1999), As rulas de Bakunin (Premio García Barros de Novela, 2000), Laura no deserto (Premio da Crítica Española, 2011) ou O paraíso dos inocentes (Premio Torrente Ballester, 2020), entre outras.

O escritor Antón Riveiro Coello está afincado no concello de Boiro, onde leva máis de dúas décadas residindo e traballando. Mantén dende os comezos da súa estadía no Barbanza unha intensa implicación na vida cultural da comarca, sendo ademais un dos membros destacados da Asociación Cultural Barbantia.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Teresa de Antas” – Xulio Xiz

“Teresa de Antas” – Xulio Xiz

A Casa da Cultura de Antas de Ulla chámase Teresa Batán. Bautizárona co nome da muller que entregou a vida á Biblioteca do seu pobo. Para min é Teresa de Antas desde hai máis de trinta anos, amiga admirada pola dedicación preocupada pola cultura e polos nenos. Na...

“Quen engana a quen?” – Antón Luaces

“Quen engana a quen?” – Antón Luaces

Pepa Millán, a portavoz de Vox no  Congreso dos Deputados, xoga a, como mínimo, dúas bandas: ou se engana ou nos engana ao enxuiciar o que acontece estes días en Ceuta onde, desde os días 30 e 31 de xullo pasado vén falando da necesidade de expulsar da cidade autónoma...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.