
A alcaldesa de Muros, María Lago, e a concelleira de Obras e Servizos, Laura Rivadeneira, visitaron as obras da que será a Aula Sostible dos Outeiriños, na antiga escola unitaria de Serres. Fixérono acompañadas polo director de obra, para revisar de primeira man a súa evolución.
Segundo informaron, a actuación está xa na recta final e “só restan os últimos retoques e a colocación do mobiliario, pero xa se empeza a ver o espazo que imaxinamos”, declararon, lembrando que estamos ante un proxecto impulsado polo Concello de Muros, da man da asociación inclusiva local ADISBISMUR e Mulleres do Sector Pesqueiro, que pretende “devolver a actividade á que sempre foi a escola unitaria de Serres, mantendo o carácter social e educacional para o edificio”.

O inmóbel acollerá un espazo de traballo colaborativo entre distintas entidades, impulsando un programa de educación e sensibilización medio ambiental e do sector pesqueiro.
En concreto, o proxecto divide a antiga escola unitaria en dúas zonas diferenciadas: por un lado, no andar baixo un lugar adicado á recuperación de plásticos, no que o Concello traballará de forma conxunta con ADISBISMUR e a asociación de mulleres do mar. No andar superior do inmóbel haberá un espazo de educación ambiental.
O proxecto tivo un orzamento que roldou os 375.000 euros. O Concello de Muros aportou 174.837 euros e recibiu unha axuda do GALP de 198.878 euros.
Dende o Concello tamén lembraron que o inmóbel acompañarase dun parque interxeracional que completará a Aula Sostible. O parque incluirá unha zona de descanso, pista polideportiva, zona de xogos infantil, unha zona biosaudábel e mesas de xogo para todas as idades.
“Será un parque para veciños e veciñas de todas as idades, un espazo para o lecer no que poidan xogar os nenos, facer exercicios as persoas maiores e tamén compartir tempo todos xuntos nas mesas de xogo”, explicou recentemente a alcaldesa, María Lago, engadindo que o Concello xa presentou o proxecto e solicitou unha subvención con fondos LEADER á Asociación de Desenvolvemento Local Deloa.




