
O Auditorio de Muros acolle este sábado 3 de outubro ás 20:30 horas a representación de A velada de Londres, a nova produción teatral da compañía ButacaZero, que abrirá a programación de outono-inverno de artes escénicas no municipio.
A montaxe parte dun texto de Manuel Lourenzo, unha das figuras máis destacadas da dramaturxia galega contemporánea, e constitúe tamén unha homenaxe á súa figura e ao seu legado artístico.
A concelleira de Cultura, Caridad González, destacou que “é unha satisfacción abrir a nova tempada teatral cunha compañía de referencia como ButacaZero e cun espectáculo que reivindica a figura de Manuel Lourenzo, unha persoa fundamental para comprender a historia recente do teatro galego”.
Coincidindo coa representación, o público poderá visitar tamén unha pequena exposición dedicada A Manuel Lourenzo.
As entradas teñen un prezo de 4 euros e poden adquirirse a través da billeteira electrónica do Concello de Muros e nas oficinas do Centro Cultural.
En A velada de Londres, a trama parte do retorno de Jonathan Harker á súa vida burguesa tras a viaxe aos Cárpatos e a súa posterior experiencia obsesiva co Conde Drácula. A través dunha estética vitoriana que se vai transformando a medida que o elemento atávico se apodera do espazo, a proposta afástase do terror convencional para abordar a tensión entre a razón e os instintos, entendendo a figura do vampiro como un símbolo de liberación e aceptación do desexo.
A posta en escena integra de xeito orgánico o traballo interpretativo dos actores Xurxo Cortázar, Sophia Rodal e Teo Piñeiro xunto á voz e o violonchelo da artista noiesa Esperanza Mara, quen executa a banda sonora orixinal composta para o espectáculo por Iago Hermo. A súa presenza fai que o público poida gozar dunha velada teatral, mais tamén musical, salientan dende ButacaZero.



