Franquistas, ultras, membros do KKK, simplemente errados ou fora de lugar?.

Non é a primeira vez que os cito e coido que nin vai ser a derradeira: eles están aí ao seu aquel, ao seu chou navegando entre nubes de gloria nun ceo que debuxan ao seu nivel aqueles que non atoparon un lugar adaptado ao seu delirio: están trabucados, máis ese non atopar un lugar que percuran afanosamente para adormiñar a súa nostalxia franquista, talvez hitleriana, quen sabe se envolta en túnica branca e a cabeza oculta nunha carapucha da mesma cor, condúceos hoxe a una idolatrada Europa branca con parada e fonda en Madrid e Barcelona para reclamar unha lei comunitaria de protección dos “pobo nativos” que só a Europa hitleriana, mussoliniana e franquista non quere recoñecer aos que desde África reclaman a patria, xustiza e pan que a ditadura de Franco prometía en España e nunca quixo lles dar a aqueles que quedaron nas gavias, tras os valos dos cemiterios, na illa de San Simón, ou en calquera recuncho desta Galicia nosa que non tivo guerra mais si vinganza absurda e vítimas inocentes.
É a ultradereita ergueita en base á primacía da raza branca que só albisca esa España do canón apuntando a Ceuta para lle negar a entrada no Estado español a quen, curiosamente, fuxe das miserias do seu país convencido de que outra vida é posíbel (por máis que Abascal lles poña muros no Atlántico e soldados e policías na costa aos “étnicamente non europeos” que aprenderon a dicir -dificultosamente- “Viva España!”) máis aló desa reclamada “continuidade étnica” non solicitada, para traficar con esrlavos en terras que, tendo os seus propios habitantes, foron expoliados e vendidos -cando non asasinados- por unha xente branca que chegaba en barcos fortemente artillados para se apoderar do que non era seu.
Hoxe é a Europa “branca” a que presenta en sociedade en Barcelona e Madrid a Save Europe Act. Serán menos que o resto de cidadáns españois, pero actúan coma representantes dunha España que cala.



