“A arte de non morrer”. Xosé González Martínez

10 Setembro 2026

O ensaio escrito polo médico Roberto Fernández Álvarez, “Arte de non morrer.
Antropoloxía da lonxevidade galega” recibíu Premio Ramón Piñeiro, moi merecidamente
porque é un estudo denso con abondosos datos e atinadas interpretacións científicas.
O seu autor afonda nas razóns da porcentaxe tan alta de persoas centenarias que hai en
Galicia, e as moitas posibles explicacións que xustifiquen tal suceso. O noso país está
entre os primeiros pobos de Europa nos que hai máis persoas idosas que se aproximan
ou pasan dos cen anos de vida, mesmo con boa calidade de vida e espléndida saúde
mental. Roberto Fernández recolle información de distintas fontes e analiza os datos do
Instituto Galego de Estatística, pero tamén doutras enquisas que confirman a veracidade
da información. Unha atenta lectura das esquelas publicadas polos medios de
comunicación galegos tamén son outra fonte de información porque dan conta do número
de persoas que falecen con 102 e 103 anos, a meirande parte habitantes das zonas
rurais, de aí que Ourense e Lugo teñan as taxas máis altas de centenarios. Un informe
titulado “A poboación centenaria de Galicia” ofrece unha cífra de 398 idoso, dos cales o
22% eran homes e o 78% mulleres. O resultado é unha proporción de 14,8 centenarios
por cen mil habitantes.
Apunta no estudo o doutor Roberto Fernández datos moi ilustrativos da xeografía da alta
lonxevidade. Velaí están, en orde ascendente: O Ribeiro (106), A Baixa Limia (108), O
Carballiño (111), A Fonsagrada (111), Chantada (118), Allariz-Maceda (127), Os Ancares
(142), A Paradanta (149), Terra de Celanova (159), Viana (202), e Castro Caldelas (325).
As causas destas longas vidas son de variado tipo. Poden ter oríxe xenética, pero tamén
que hai que considerar outras hipotéticas variables connotadas coa dieta, paisaxe, o
lecer, a sociabilidade e a actividade nos labores agrícolas, que ten, sen ningunha dúbida,
boas consecuencias para a saúde mental e física. Conta o caso dunha muller que
despois de sufrir un ictus isquémico non pode camiñar; cando o xenro a leva na cadeira
de rodas a ver as terras, di ela: “Están preciosas…quen me dera poder sachalas”. Un
exemplo evidente da “laborexia”, ou síndrome da hiperprodutividade, di Roberto, que
opera coma unha vantaxe para a supervivencia que caracteriza de forma moi específica á
poboación galega. O refraneiro popular ofrece solucións inxeniosas para paliar as
incidencias da saúde. Son, ao cabo, coñecementos empíricos expresados maxistralmente
cunhas cantas palabras ben enfiadas.
O que a min me entusiasma do ensaio que estamos a comentar é a incorporación de
Roberto Fernández á nómina dunha solvente tradición médica que ten o punto de
arranque na Escola Médica Galega, cerna da medicina antropolóxica, que quedou como
dí García Sabell “amputada,rabuñada tercamente polo Destino”. Comeza co catedrático
Varela de Montes ( autor do “Ensaio de Antropoloxía”, publicado en 1844) e felizmente
continuada cos afamados galenos e catedráticos Nóvoa Santos, Rodríguez Cadarso,
Ramón Baltar, Pérez Villamil, Peña Rei, Xoán Rof Carballo, López Nogueira, Domingo
García Sabell… e moitos outros que coa súa solvencia científica recibiron o merecido
nome da “Fonte Limpa”, todos eles moi estudados polo historiador Ricardo Gurriarán na
súa obra “Ciencia e conciencia na Universidade de Santiago (1900-1940). Profesionais

asiduos aos congresos científicos europeos que ofrecíanlles aos pacientes diagnósticos
e curacións certeiras.
Para min, que teño un número considerable de obras de antropoloxía médica,o ensaio
que comentamos vén arrequecer o que García Sabell e Rof Carballo teñen denominada
como “medicina que cura coa colaboración dos elementos patrimoniais propios da cultura
galega”. O doente galego responde ás enfermidades con eses signos peculiares da nosa
idiosincrasia.
E certo que coa incorporación das novas tecnoloxíoas a medicina amósase máis precisa
na diagnose e con moitos éxitos terapéuticos. Mais esta novidosa e xa imprescindible
maneira de curar non debera dar lugar á despersonalización das relacións cos pacientes,
que debe ser sempre moi próxima e atendidos galegamente, porque a palabra contribúe
positivamente á curación. Esta é a filosofía da Irmandade da Sanidade Galega que
coordina Roberto Fernández o autor deste valioso ensaio cuxa lectura recomendamos.
*Presidente do Foro E. Peinador.

Outros artigos

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

“Apuntes en septiembre”. Mario Clavell

“Apuntes en septiembre”. Mario Clavell

Vine al calor de mi ciudad mediterránea y hago un resumen de la Compostela que acabo de dejar. Dejo la torre Berenguela andamianada para que la maquillen. Me dura la emoción cósmica del eclipse del 12 agosto. El Obradoiro en estremeció en esa hora de...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.