Tito o Dulceiro, Secretario Asociación Etnolóxica A.D.M.R. Castelao
O Paraninfo do Museo de Pontevedra acolleu un acto de homenaxe ás vítimas da represión franquista na Caeira, “A lección continua” organizado pola Fundación Alexandre Bóveda.
A asociación Alfonso Daniel Manuel Rodíguez Castelao estivo representada polo seu presidente Xosé Bravo, secretario Xusto Ordóñez e volgal Carme García.

Participaron Ángeles Tilve, directora do Museo de Pontevedra; David Otero, presidente da Fundación Alexandre Bóveda; Pepe Álvarez, ensinante e membro da memoria histórica; Amalia Bóveda, filla de Alexandre, e Rafael Domínguez, presidente da Deputación de Pontevedra.
A xornada serviu para lembrar a Alexandre Bóveda e as demais persoas asasinadas na Caeira, pero tamén para recuperar a relación de amizade que mantiveron Castelao e Bóveda. Dous referentes do galeguismo que compartiron proxecto político e unha mesma defensa dunha Galicia con dereitos e liberdade. Tamén souberon discrepar. A súa relación é un exemplo de que a discrepancia política podía existir dentro do respecto e da liberdade.
En 1934 participaron xuntos en diferentes actos e mitins, entre eles en Rianxo, Asados e O Araño. En 1935 chegarían os seus respectivos desterros: Bóveda a Cádiz e Castelao a Badaxoz.
Un dos elementos centrais da exposición é A derradeira lección do mestre, o cadro que Castelao pintou en 1945 para o Centro Ourensano de Buenos Aires. A obra foi realizada nove anos despois do fusilamento de Bóveda e está directamente relacionada coa memoria do seu amigo.
O cadro reproduce a escena dun home morto nunha paisaxe galega, diante de dous nenos. A figura representa a Alexandre Bóveda, fusilado na Caeira o 17 de agosto de 1936. Castelao converte a súa morte nunha denuncia da represión e nunha homenaxe ás persoas que morreron pola República, pola liberdade e pola xustiza.
A exposición lembra tamén que o lenzo reproduce a estampa número 6 de Galicia mártir, o primeiro dos tres álbums publicados por Castelao durante a Guerra Civil. Galicia mártir foi editado en Valencia en 1937 e forma, xunto con Atila en Galicia e Milicianos, un dos principais referentes gráficos da memoria antifascista galega.
A Caeira foi un dos escenarios da represión en Galicia. Aquí non houbo unha fronte de guerra nin combates propios dunha guerra convencional, pero si unha persecución sistemática contra republicanos, galeguistas, sindicalistas, mestres, políticos e outras persoas defensoras da legalidade democrática. Moitas foron sacadas das súas casas ou das prisións e asasinadas sen xuízo nos chamados «paseos». Dous de cada tres

persoas asasinadas en Galicia durante esta represión foron vítimas destes paseos, segundo os datos citados no ámbito da memoria histórica.
Tamén os mestres foron perseguidos. Pretendíase eliminar o modelo educativo republicano e as persoas que o defenderan. Nese contexto sitúase a coñecida frase atribuída a Millán-Astray: «Para aquellos maestros que enseñaron con el puño en alto no habrá tierra bastante para enterrarlos».
Na Caeira foron asasinados, ademais de Bóveda, Víctor Casas Rey, Amancio Caamaño Cimadevila, José Adrio Barreiro, Germán Adrio Mañá, Benigno Rey Pavón, Telmo Bernárdez Santomé, Paulo Novás Souto, Ramiro Paz Carbajal, Luis Poza Pastrana e Juan Rico González, estes últimos o 12 de novembro de 1936.
Durante anos, moitas familias viviron en silencio. Os pais e avós calaron por medo, e os fillos medraron sen coñecer o que pasara. Esa falta de coñecemento tamén forma parte das consecuencias da represión.
As feridas hai que afrontalas. Para iso son necesarias verdade, xustiza e reparación. E tamén falar do pasado, coñecelo e explicalo. Para perdoar, primeiro ten que haber recoñecemento e, cando corresponda, pedir perdón.
Ao remate da guerra non houbo un recoñecemento das vítimas nin unha petición de perdón por parte dos responsables da represión.
Pola contra, celebráronse os chamados «Días da Victoria», nos que se exaltaba o triunfo dun bando sobre o outro. Mentres unha parte da sociedade celebraba a vitoria, as familias dos vencidos seguían sufrindo a perda dos seus, o silencio e o medo.
Como fixo referencia David Otero: Bóveda convócanos. Convócanos tamén a memoria dos mártires, que durante demasiado tempo permaneceron sen voz. Os crimes de guerra non prescriben e un pobo que lembra e conmemora as vidas asasinadas mantén viva unha lección que continúa hoxe.
A memoria tamén nos obriga a mirar cara ás instalacións e símbolos fascistas que aínda permanecen, moitas veces con impunidade. Sen medo e sen silencio, porque os nosos mártires souberon dar a vida pola liberdade. Lembralos é tamén defender os valores polos que loitaron.
Non podemos esquecer esta etapa nin permitir que o odio volva ser utilizado desde a política ou os medios. Coñecer o pasado é necesario para entender o presente e evitar que se repita.
Por iso, a reparación non pode limitarse a lembrar. Ten que incluír tamén o recoñecemento do sufrimento causado. Verdade, xustiza, reparación e, cando corresponda, pedir perdón son elementos necesarios para pechar unha etapa traumática da historia. A memoria histórica require investigar o pasado coa colaboración das institucións para saber que pasou e evitar que volva acontecer.
As cascas do piñeiro da Caeira conservadas durante anos por Amalia Álvarez son outro dos símbolos da homenaxe. O piñeiro foi testemuña dos fusilamentos. As súas cascas gardan a memoria dun lugar e dun tempo que non se deben esquecer.
Castelao e Bóveda foron amigos e irmáns na defensa de Galicia, unidos por unha mesma idea e por unha profunda lealdade. Compartiron ilusións, loitas e tamén momentos moi difíciles, marcados pola represión e pola dor. Bóveda pagou coa súa vida o compromiso co país, e Castelao tivo que vivir o exilio e a separación da súa terra. A súa amizade quedou así ligada tamén ás penas que lles tocou sufrir, pero nunca abandonaron a defensa de Galicia nin a memoria dun do outro.
Castelao e Bóveda quedaron separados pola violencia. Pero a súa amizade e o seu compromiso político permaneceron. Castelao mantivo viva a memoria do seu amigo a través da súa obra.
A lección continúa. Coñecela é tamén unha forma de defender a democracia e de recoñecer a quen pagou coa súa vida por ela.




