Crujeiras reivindica o papel da USC e esixe un financiamento que recoñeza a súa singularidade
A reitora aproveitou a apertura do curso 2026-2027 para fixar as liñas mestras ante a negociación do futuro plan autonómico de fondos para o período 2028-2032.

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) inaugurou oficialmente este venres o curso académico 2026-2027 nun solemne acto celebrado no Salón Nobre do Colexio de Fonseca. A cerimonia estivo marcada polas demandas financeiras da súa reitora, Rosa M. Crujeiras, quen aproveitou a súa intervención para defender a necesidade de que o vindeiro Plan Galego de Financiamento Universitario (2028-2032) teña en conta o peso específico e as particularidades da institución compostelá.
“Esta é unha etapa para reivindicar o espazo, o tempo e a voz da nosa Universidade”, proclamou a reitora, asegurando que a USC concorrerá ás negociacións coa Xunta en defensa dun modelo que “valore a nosa excelencia como institución de educación superior, que ofreza estabilidade para planificar a longo prazo, e que recoñeza que as tres universidades públicas galegas partimos de realidades distintas”.
Durante o seu discurso, Crujeiras subliñou que a autonomía universitaria é unha “condición irrenunciable” para xestionar de forma eficiente e formar unha cidadanía crítica. Entre os grandes retos para este curso, destacou o deseño de novos plans de persoal (PDI e PTGAS), a integración de titulacións adscritas, a execución do convenio de descentralización de Medicina e un compromiso firme co mantemento do patrimonio histórico da universidade: “Preservalo non é unha opción […]. Buscarémolos e demandarémolos fondos”, sentenciou.

Máis de 28.000 estudantes e demanda de vivenda pública
Antes do discurso da reitora, a secretaria xeral, Alicia Villalba Sánchez, debullou a Memoria do curso 2025-2026, período no que as aulas da USC acolleron a 25.757 estudantes de grao, máster e doutoramento oficial —máis 2.642 en títulos propios—. Villalba fixo fincapé no Selo de Excelencia acadado recentemente polo Grao de Farmacia, que se suma ao que xa posuía Veterinaria en Lugo.
Pola súa banda, a voz do alumnado chegou da man de Iria Liñares Cereixo, presidenta do Consello do Estudantado, quen centrou a súa intervención na crise do acceso á vivenda que afecta tanto a Santiago coma a Lugo. Liñares reclamou máis residencias públicas, axudas económicas suficientes e transporte digno: “Estudar lonxe da casa non pode ser un luxo nin depender da capacidade económica de cada quen”, recalcou antes de instar á creación do Consello Galego de Estudantado Universitario.
A xornada incluíu a tradicional lección maxistral, que nesta ocasión correu a cargo de Jesús F. Salgado Velo, catedrático de Psicoloxía do Traballo. Baixo o título O xuízo experto e o algoritmo. A selección de persoal e a adquisición de talento nas organizacións, o profesor abordou as vantaxes preditivas da análise algorítmica fronte ao criterio puramente intuitivo nos procesos de selección de persoal. A cerimonia completouse co desfile da comitiva togada dende San Xerome e diversas pezas musicais clásicas.





