
O Concello de Ribeira formalizou un convenio coa Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes para a reforma dos vestiarios do Campo de Fútbol de Carreira mediante unha axuda de 48.369,68 euros.
Dende o Consistorio lembran que os vestiarios existentes foron construídos hai aproximadamente 50 anos e “se ben foron obxecto de reparacións ao longo do tempo, o seu estado de deterioro actual obriga á execución dunha reforma integral dos mesmos para ofrecer unha prestación óptima ás persoas usuarias”.
Neste campo de fútbol desenvolven a súa actividade o Carreira C.F., varios equipos base do Atlético Ribeira e as categorías sénior e veterana do C.D. Artes. “En consecuencia”, engadiu o Concello, “os vestiarios dan servizo a centos de persoas, polo que a súa mellora tradúcese nunha contorna máis segura e saudable para a práctica deportiva. O seu deseño orixinal non responde ás necesidades actuais, pois os revestimentos, as redes de fontanería e o saneamento interno atópanse obsoletos”.

A alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, xunto ao concelleiro pola parroquia, Víctor Reiriz, e o presidente do Carreira C.F., Manuel Vendaval, fixo fincapé no compromiso “coa mellora da calidade de vida dos nosos veciños e veciñas e isto tamén abrangue, por suposto, as infraestruturas de todo tipo, tamén as deportivas. Este campo ten moita actividade e consideramos que é necesaria unha reforma integral dos vestiarios. Esta axuda permitiranos financiar a actuación e xa estamos traballando para sacala a licitación coa maior celeridade, sempre en diálogo co club para non interromper a súa actividade.”
Indicou que as obras suporán a substitución da fontanería, renovación do chan e azulexos, seis novos mandos premedores para duchas, colocación de falso teito, pasteado, pintado de paredes non azulexadas, mellora da iluminación e dotación de dous termos eléctricos de 300 litros de capacidade cada un. Todo isto cun prazo de execución de mes e medio unha vez se adxudique.
Esta intervención súmase á construción da nova bancada por un importe de 260.000 euros, dentro do POS+2025 da Deputación da Coruña. “Despois dos cambios solicitados pola Deputación, xa temos a aprobación definitiva do proxecto, que se licitará en consonancia coas necesidades do club garantindo o servizo aos usuarios e a mellor época para a execución da obra”, apuntou Sampedro.




