
O Grupo Socialista levará ao Parlamento de Galicia unha iniciativa para instar á Xunta a promover “un sistema de identificación clara, visíbel e inequívoca da orixe do polbo” que se comercializa na comunidade.
A portavoz de pesca, Paloma Castro, alertou sobre “unha triste realidade que pasa desapercibida” para o Goberno de Rueda, como é “que gran parte do polbo que se consume en Galicia vén de fóra, e moitas veces o consumidor non sabe nin pode distinguilo do produto galego”.
A deputada do PSdeG defendeu a necesidade de ofrecer “máis transparencia, máis control e máis información”, “tanto en tendas coma en restaurantes”, porque, dixo, “detrás dun produto con tanta tradición hai un importante tecido económico”.
“Cando escollemos polbo galego, estamos apoiando á nosa frota, ás confrarías e a centos de familias que viven do mar”, salientou.
A iniciativa que os socialistas defenderán na Cámara autonómica destaca que “malia que a normativa actual establece obrigas de información sobre a orixe do polbo nas distintas fases da cadea comercial, o consumidor final non sempre dispón desa información, especialmente nos establecementos de restauración e nalgunhas modalidades de comercialización o que prexudica ao produto galego”.
Sinala tamén que os representantes do sector pesqueiro “veñen advertindo que esa falta de diferenciación contribúe a unha competencia desleal” e dificulta que o polbo galego teña “un prezo acorde coa súa calidade e co esforzo realizado polos profesionais do mar”. A iso únese que os consumidores “teñen dereito a coñecer a procedencia dos alimentos que adquiren”.
Por todo o anterior, e atendendo ás competencias que a Xunta ten en materia de promoción de produtos pesqueiros, consumo e control da cadea alimentaria, os socialistas reclámanlle ao Goberno galego que “impulse as medidas necesarias para protexer o produto autóctono e que as promova tamén ante o Estado e a UE cando sexa preciso adaptar o marco normativo vixente”. Ademais, demandan “unha intensificación das inspeccións para garantir a rastrexabilidade de orixe do polbo comercializado en Galicia, como tamén a posta en marcha de campañas de información e sensibilización dirixidas á cidadanía e aos operadores”.



