O parque infantil da Alameda de Noia será renovado integralmente cun investimento de case 67.000 euros

07 Agosto 2026

O Concello de Noia anunciou que vai licitar nas vindeiras semanas as obras de renovación integral do parque infantil da Alameda. Farao cun investimento de 66.997,46 euros (IVE incluído) e un prazo de execución estimado de cinco semanas. Dende o Consistorio engaden que a actuación responde ao desgaste acumulado polo paso do tempo e o uso continuado, “facendo necesaria unha intervención profunda que permitirá modernizar completamente as instalacións, reforzar a seguridade e adaptar o parque ás necesidades actuais das familias”.

O proxecto contempla a renovación completa do pavimento continuo de caucho, que será substituído por unha nova superficie amortecedora de impactos conforme á normativa europea de seguridade, cun acabado decorativo que fará o espazo máis atractivo e confortable para os nenos e nenas.

Entre as principais novidades destaca tamén a creación dunha montaña lúdica, equipada cunha zona de escalada mediante presas adaptadas e un tobogán integrado na propia estrutura, fomentando o xogo activo, a autonomía e o desenvolvemento das habilidades motrices.

A reforma incorporará ademais novos elementos inclusivos, entre eles un carrusel adaptado para persoas con mobilidade reducida, “co obxectivo de que todos os nenos e nenas poidan compartir o mesmo espazo de xogo sen barreiras”, engadiu o Concello, apuntando que a actuación completarase coa instalación dun novo balancín con forma de tartaruga e coa renovación de diferentes elementos xa existentes, incluíndo o reforzo da estrutura do conxunto principal, a substitución de pezas deterioradas, a renovación do tobogán e o cambio dos asentos das randeeiras para bebés, prolongando a vida útil do parque e mellorando as condicións de uso.

O alcalde de Noia, Francisco Pérez, destacou que “os parques infantís son moito máis ca un espazo de xogo: son lugares de encontro para as familias e unha parte importante da infancia de moitos nenos e nenas. Queremos que a Alameda conte cun parque moderno, seguro e accesible, á altura do que merece Noia.”

Pola súa banda, o tenente de alcalde, Manolo Seijas, explicou que “non falamos dunha reparación puntual, senón dunha renovación integral. Actuaremos sobre o pavimento, os xogos e a accesibilidade para ofrecer un espazo completamente renovado, máis atractivo e preparado para seguir sendo unha referencia para as familias durante moitos anos.”

Unha vez publicada a licitación e adxudicadas as obras, os traballos terán un prazo de execución de cinco semanas.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Saúde pública en Europea” – José Manuel Pena

“Saúde pública en Europea” – José Manuel Pena

O beber demasiado alcol, o fumar, o non facer exercicio, o abusar das drogas ou o comer alimentos que nos fan dano, son algunhas das ameazas para a nosa saúde que provén do modo e o estilo de vida de cada un de nós. Resulta extraordinariamente preocupante de que o...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.