
O talento noiés foi o protagonista da presentación das Festas de San Bartolomeu 2026. Representantes de Momboi, Troula na Barquiña, A Misela e a Banda de Música de Noia, xunto ao artista emerxente local Dyrkyzzz, acompañaron ao Concello de Noia na presentación dunha programación da que eles mesmos formarán parte e que encherá a vila de actividade entre o 21 e o 26 de agosto.
Serán seis días de festa, un máis que na pasada edición coa ampliación da programación ata a xornada de San Roque, nos que convivirán tradición, verbenas, música en directo, deporte, propostas infantís, sesións vermú e novos formatos.
Indicaron que “se hai un elemento que marcará especialmente esta edición será a presenza do talento local”, unha aposta á que o Concello quere dar continuidade despois do importante protagonismo que xa tivo durante a programación de Rúas Vivas.
O concelleiro de Festexos, Manolo Seijas, foi o encargado de debullar durante a rolda de prensa os principais elementos dun programa no que a música feita en Noia terá presenza durante boa parte das xornadas.
“Hai moitísimo talento en Noia e levamos todo o ano intentando que teña espazo na programación municipal. Vímolo no Rúas Vivas e queriamos que tamén tivese un peso importante nas festas de San Bartolomeu”, explicou Seijas.
Así, polo programa pasarán formacións e artistas locais como A Misela, As Lens, Momboi, a Banda de Música de Noia, Dyrkyzzz ou Troula na Barquiña, aos que se sumarán outras propostas dentro dunha programación que busca combinar artistas da vila con actuacións e formatos moi diferentes entre si.
Máis espazo para a xente nova e novos estilos
Unha das apostas desta edición será precisamente ampliar a variedade musical e abrir máis espazo ás propostas dirixidas ao público novo. A praza do Tapal acollerá o martes 25 unha noite dedicada á música urbana, que abrirá o noiés Dyrkyzzz ás 22:30 horas e continuará con Xian Pais, o DJ Borja Solla e Lgido.
“Queriamos que a xente nova tamén atopase dentro das festas unha noite e un espazo máis seu, incorporando estilos que ata agora tiñan menos presenza na programación de San Bartolomeu”, sinalou Seijas, quen incidiu na intención de construír unhas festas máis diversas tamén desde o punto de vista musical.
Xunto a estas novas propostas manteranse algúns dos formatos máis tradicionais das festas, coas grandes verbenas na Alameda e actuacións como as de Treixadura, Efecto Mariposa ou Conductores Suicidas, tributo a Joaquín Sabina. As noites terán tamén un segundo escenario na praza do Tapal, reforzando a presenza de música en directo en diferentes puntos da vila.
A Festa da Empanada, unha das citas do domingo
Pola súa banda, o alcalde de Noia, Fran Pérez, quixo poñer especialmente en valor a Festa da Empanada, que regresará o domingo 23 ao Campo da Feira como unha das citas singulares desta edición.
A actividade comezará ás 13:00 horas e estará acompañada polo concerto da Banda de Música de Noia, antes de dar paso, ás 14:00 horas, á sesión vermú con Juan do Tractor.
Pérez destacou tamén a recuperación de diferentes sesións vermú ao longo das festas, coa intención de recuperar ambiente e actividade nas rúas tamén durante as horas centrais do día.
“Queremos que San Bartolomeu se viva durante todo o día. Recuperar as sesións vermú e apostar pola Festa da Empanada é tamén recuperar eses momentos de encontro, de estar na rúa e de compartir as festas entre veciños, veciñas e visitantes”, sinalou o alcalde.
Noemí Fábregas, pregoeira de San Bartolomeu
O pregón de San Bartolomeu, que terá lugar o venres 21 ás 13:00 horas no Palco da Música, correrá este ano a cargo de Noemí Fábregas, promotora do I Mercadiño Solidario de Pascua de Noia, unha iniciativa que conseguiu mobilizar á sociedade noiesa e recadar máis de 22.000 euros para a investigación contra o cancro metastásico.
Sobre a súa elección, Manolo Seijas destacou que “foi unha persoa que conseguiu unir a todo o pobo arredor dunha boa causa. Comercio, empresas, hostalaría e veciñanza xuntáronse para arroupar unha iniciativa que, ademais de conseguir unha recadación extraordinaria, acabou sendo recoñecida co Premio CRIS 2026 na categoría de Iniciativa Solidaria”.
O concelleiro sinalou que a elección de Fábregas como pregoeira pretende ser tamén “un recoñecemento a todas as persoas que fixeron posíbel aquela mobilización e á capacidade que ten Noia de unirse cando hai unha boa causa detrás”.
A programación diúrna completarase coas tradicionais bombas de palenque, dianas e alboradas, o Día da Bicicleta, exhibicións de taekwondo, o Concurso de Pesca Náutica Andrade, o Torneo Portus Apostoli e diferentes propostas para nenos e nenas.
As festas amplíanse ata San Roque
Outra das novidades deste ano será a ampliación da programación ata o mércores 26 de agosto, incorporando así a xornada de San Roque e sumando un día máis de celebración respecto á pasada edición.
O día grande de San Bartolomeu, o luns 24, manterá o seu carácter máis tradicional coa misa na súa honra ás 20:00 horas en San Martiño e a posterior procesión. Durante esa xornada haberá tamén festa infantil na Alameda, dianas e alboradas e, pola noite, verbena coa Orquestra París de Noia, ademais da actuación de Dani Barreiro & Friends na praza do Tapal.
A programación continuará o martes 25, cando se celebrará un festival benéfico a cargo da Escola de Danza Oitos, e chegará á súa última xornada o mércores 26, día no que volverá ter protagonismo a Banda de Música de Noia. Xa pola tarde, a partir das 20:00 horas, terán lugar a misa e a procesión na honra de San Roque.
A última noite contará con Troula na Barquiña ás 22:00 horas no Tapal e coa Orquestra Kubo desde as 22:30 horas na Alameda. Ás 23:59 horas celebrarase o tradicional espectáculo de fogos artificiais, mentres que a programación do Tapal continuará ás 00:30 horas coa Noite de Berros con David Amor, que porá o punto final a seis días de celebración.




