
O Concello de Noia celebrará este venres 8 de agosto a primeira edición de Noia na Noite, unha nova proposta integrada na programación Rúas Vivas coa que se pretende ofrecer unha maneira diferente de descubrir a vila, poñendo en valor o seu patrimonio histórico, o seu entorno e a experiencia de vivir Noia tamén cando cae a noite.
A iniciativa transformará algúns dos espazos máis representativos do municipio nun escenario singular grazas á iluminación con centos de velas, que vestirán edificios tan emblemáticos como o Claustro Franciscano da Casa do Concello, a Igrexa de San Martiño ou Santa María A Nova, creando un ambiente único para veciños e visitantes.
A programación inclúe tamén unha visita teatralizada nocturna, guiada por Serafín Marcos, que percorrerá distintos puntos de interese da vila achegando aos asistentes á historia, ás lendas e ás curiosidades de Noia desde unha perspectiva diferente. Ademais, os museos municipais abrirán de maneira excepcional entre as 21:30 e as 00:30 horas, permitindo gozar do patrimonio histórico nun horario pouco habitual.
Para o tenente de alcalde e responsábel do programa Rúas Vivas, Manolo Seijas, “esta nova proposta responde á vontade de seguir ampliando a oferta cultural e de lecer do verán ao tempo que se reivindica o enorme valor patrimonial de Noia”.
“Con Noia na Noite buscamos sacarlle todo o potencial a Noia, que cremos que é moito. Queremos que a xente descubra a nosa vila desde todas as ópticas posíbeis, porque contamos cun patrimonio extraordinario e cun entorno privilexiado que merece ser vivido tamén doutro xeito. Ás veces abonda con cambiar a maneira de mirar un lugar para volver descubrilo.”
Seijas explica que esta primeira edición nace coa vocación de converterse nunha cita especial dentro da programación estival, apostando por experiencias que inviten tanto á veciñanza como ás persoas visitantes a redescubrir Noia a través da cultura, da historia e do espazo público.
A celebración de Noia na Noite coincidirá ademais cunha das xornadas máis intensas do verán na vila. Durante o día desenvolveranse o POP-UP organizado por Noia Histórica, na Alameda; e as actividades da XVII Concentración Moteira Ría de Noia, que culminarán cunha ruta nocturna ás 00:00 horas, unha proposta que encaixa co espírito desta iniciativa ao prolongar a actividade e a vida nas rúas durante toda a noite. Ademais, esa mesma noite terá lugar tamén a Festa da Peregrina, na rúa da Peregrina, unha das entradas máis importantes do centro histórico noiés
Pola súa banda, o alcalde de Noia, Fran Pérez, convidou á cidadanía a participar nesta primeira edición: “Convido a todos os veciños e veciñas de Noia e ás persoas que nos visiten estes días a acompañarnos nesta primeira edición de Noia na Noite. Será unha oportunidade magnífica para descubrir unha imaxe diferente da nosa vila e para gozar dunha programación pensada para todas as idades nun escenario incomparable como é Noia.”
Con esta iniciativa, o Concello de Noia continúa desenvolvendo o programa Rúas Vivas, unha aposta por levar a cultura, a música e o lecer aos espazos públicos durante o verán e por ofrecer novas formas de vivir e desfrutar dunha vila cun patrimonio histórico e un entorno de enorme valor.



