
O Concello de Noia confirmou que esta semana comezaron as obras de reposición da ponte peonil de San Lázaro, unha actuación “necesaria para recuperar un elemento que levaba anos cunha parte da madeira en mal estado”, engadiron fontes do Consistorio.
Os traballos están xa en marcha e está previsto que rematen entre o luns e o martes da vindeira semana.
Durante estes días, o Concello pediu á veciñanza “moita precaución ao pasar pola zona”. De feito, a ponte está valada e sinalizada, pero neste momento aínda está sen o pavimento de madeira, polo que é importante respectar o valado e extremar as precaucións.
A pasarela, que une a rúa Espírito Santo co barrio de San Lázaro, presentaba un importante deterioro estrutural: o desgaste derivado do continuo paso de peóns, da humidade e das inclemencias climáticas, que facían urxente a intervención para garantir a seguridade veciñal.



