Vilagarcía decide os títulos galegos nos 10K

30 Xullo 2026

Un total de 298 atletas, dos cales 211 son homes e 87 mulleres, están chamados a participar este domingo 2 de agosto no Campionato Xunta de Galicia de 10 km en ruta, que terá lugar no Concello de Vilagarcía de Arousa.

A competición dará comezo o sábado ás 22:15 horas, con saída e chegada situadas na avenida da Mariña, escenario principal da proba. O campionato suporá, ademais, o punto e final da tempada estival do atletismo galego en pista e pechará o calendario de Campionatos de Galicia no sintético neste treito da tempada. A actividade autonómica retomará o seu curso de maneira progresiva a partir de finais do mes de setembro, coincidindo co inicio do novo ciclo competitivo.

Edición do ano pasado en Carballo

Principais candidatos

Na categoría absoluta, e malia as ausencias dos actuais campións galegos, Itziar Manso e do flamante subcampión de España dos 5.000 metros, David de la Fuente, a loita polos títulos preséntase moi aberta.

No apartado masculino destaca a presenza do subcampión galego de 2025, Hugo García, así como a de Amadeo Abal (Surco Lucena), quen acredita a mellor marca da tempada entre todos os inscritos, cun tempo de 29:28, o que o sitúa como un dos grandes favoritos ao triunfo.

Na competición feminina, a atleta do Celta Sara Castillo parte tamén entre as principais candidatas ao título grazas á súa mellor marca acreditada de 36:48. Xunto a ela, haberá que seguir moi de preto a actuación de Lucía Sicre (Ría Ferrol), outra das corredoras chamadas a loitar polas primeiras posicións.

Nas categorías máster tamén será destacable a presenza de varios atletas que defenderán os títulos conquistados na pasada edición, celebrada en Carballo. Entre eles figuran Rubén Caamaño (Fontes do Sar), na categoría M40; Jordi Carrasco (SD Compostela), en M50; José Suárez (SD Compostela), en M60; Ramiro Pérez (Fontes do Sar), en M65; e Miguel Hernández (Veteranos de Samil), en M70.

Como principal novidade desta edición, o Campionato Xunta de Galicia disputarase por primeira vez en horario nocturno, unha circunstancia que achegará un maior atractivo e espectacularidade á competición, tanto para os atletas como para o público que se dea cita nas rúas de Vilagarcía de Arousa para gozar unha das probas máis destacadas do calendario autonómico.

O Campionato Xunta de Galicia celebrarase de maneira conxunta coa XII Carreira Nocturna Concello de Vilagarcía, convertendo a localidade arousá no epicentro do atletismo galego durante a noite do sábado.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Fronteiras”. Xulio Xiz

“Fronteiras”. Xulio Xiz

Axiña fará catro anos que físicamente nos deixou Darío Xohán Cabana, pero segue entre nós coa obra que nos deixou, especialmente aos chairegos, marcados para sempre.Pensei en Darío estes días cando a invasión de Ceuta por milleiros de marroquís, nova marcha verde,...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.