O Santander visita Amicos para coñecer o impacto social e ambiental da entidade inclusiva do Barbanza

20 Xullo 2026


Un grupo de directivos e persoas voluntarias de Banco Santander visitou o Centro de Atención Integral de Amicos en Boiro para coñecer de primeira man o
modelo de apoio á discapacidade intelectual da entidade, así como os proxectos sociais e medioambientais que impulsa no territorio.

A xornada estivo encabezada polo director xeral de Amicos, Xoán España, e contou coa participación de Rocío Pazos, directora territorial de Banco antander en Galicia; Katia Tarin, de Santander Asset Management; Luis Pernas, director de instituciones en Galicia e unha decena de directivos voluntarios da entidade financeira.

A visita comezou cun percorrido polas instalacións de Amicos, durante o que os asistentes puideron coñecer o día a día das persoas que acoden ao centro, así como o modelo de atención centrado na persoa que guía o traballo da entidade. Durante o itinerario descubriron distintas actividades de libre elección e iniciativas orientadas a fomentar a autonomía, a participación comunitaria e o desenvolvemento persoal das persoas con discapacidade intelectual.

Tras coñecer esta iniciativa, os visitantes achegáronse ao Laboratorio de Macroalgas de Amicos, onde os activistas medioambientais da entidade explicaron o traballo que desenvolven na recuperación de ecosistemas costeiros e o seu papel como axentes de sensibilización ambiental.

A xornada concluíu cunha saída ás augas do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas, onde representantes de Banco Santander e activistas medioambientais participaron nunha acción de restauración de fondos mariños. Durante a actividade introducíronse no mar preto dun cento de soportes de laminaria, unha especie clave para a formación dos bosques de kelp. Estes ecosistemas constitúen un importante refuxio para a biodiversidade mariña, favorecen a recuperación de especies de interese pesqueiro e contribúen á captura de carbono.

Asemade, un dos momentos centrais da visita xirou en torno ao proxecto Somos Más. Somos Amicos, unha iniciativa encadrada no programa Comprometidos Somos Más, financiado por Banco Santander S.A. e Santander Asset Management SGIIC. Neste sentido, a entidade doou o pasado ano 9.000 euros a este proxecto da Asociación Amicos, cuxo obxectivo é favorecer a inclusión social de persoas con discapacidade. Grazas a este impulso, Amicos (a través do dito proxecto) promove actividades culturais, deportivas, ambientais e de lecer que permiten ás persoas participantes incrementar a súa autonomía, fortalecer as súas relacións sociais e exercer un papel activo na comunidade. A visita serviu tamén para reforzar a colaboración entre ambas entidades e poñer en valor o papel que desempeñen as alianzas entre o terceiro sector e a empresa privada á hora de impulsar proxectos con impacto social, ambiental e comunitario.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Fronteiras”. Xulio Xiz

“Fronteiras”. Xulio Xiz

Axiña fará catro anos que físicamente nos deixou Darío Xohán Cabana, pero segue entre nós coa obra que nos deixou, especialmente aos chairegos, marcados para sempre.Pensei en Darío estes días cando a invasión de Ceuta por milleiros de marroquís, nova marcha verde,...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.