Nerea Barros remata no Barbanza a filmación da súa primeira longametraxe

31 Xullo 2026

A actriz e directora galega Nerea Barros remata estes días en distintas localizacións da comarca do Barbanza a filmación de O da miña nai, a súa primeira longametraxe, que se desenvolve nunha linguaxe híbrida entre a ficción e o documental cun fondo autobiográfico.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), Jacobo Sutil, asistiu este venres na praia de Castiñeiras (Ribeira), á gravación dunhas secuencias da película, que conta cunha subvención de 120.000 euros da Xunta de Galicia pola convocatoria á produción e coprodución audiovisual de 2025.

Ademais da dirección e do guión, Nerea Barros asume a interpretación xunto á actriz Carmen Noya. A paisaxe natural, os obxectos da memoria e o espazo sonoro serán elementos importantes na fita, para cuxa banda sonora está prevista a participación de artistas galegos como Mercedes Peón e Abraham Cupeiro.

A rodaxe, cunha duración de catro semanas, arrancou na parroquia compostelá de San Cristovo do Eixo, terra da familia da protagonista, continuou pola contorna do río Ulla, en Pontevea (Teo) e rematará mañá 1 de agosto no Barbanza.

Rodada en galego e castelán, O da miña nai preséntase como un poema fílmico autobiográfico. Tras a morte do seu pai, Nerea regresa a Galicia para escoitar o murmurio da súa terra e mirar á súa nai como se fora a primeira vez. A cámara convértese nunha forma de estar, de escoitar e de soster. Carmen, de 81 anos, habita unha vida sinxela: o campo, o cemiterio, as partidas de cartas… Nese espazo compartido, a filla busca as pegadas do pai nos xestos da nai e observa sen intervir ata que a emoción a arrastra dentro do plano.

Zeitun Films e Cólera Films, con Felipe Lage e Nerea Barros na produción executiva, respectivamente, asumen este proxecto con parte de financiamento achegado pola devandita liña de apoio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, unha canle que mobiliza este ano un investimento de 3,5 millóns para 22 proxectos audiovisuais galegos.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Juan Magán” – Xulio Xiz

“Juan Magán” – Xulio Xiz

Estes días, Merce e máis eu, mergullámonos cada día no multitudinario ambiente festeiro, disfrutamos coa venerable presencia de Celtas Cortos e ousamos asistir ao concerto de Juan Magán. Con relativo coñecemento do actual mundo musical, que navega de Camilo a India,...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.